ALCALDÍA

O Grupo de Cidades Patrimonio subscribe en FITUR plans de actuación conxunta con Turespaña, Paradores e RENFE

01/02/2013 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España asinou , no marco da Feira Internacional de Turismo (FITUR 2013), diferentes acordos de colaboración cos seus principais partners: Turespaña, RENFE e Paradores de Turismo para a promoción e desenvolvemento dos produtos turísticos das trece cidades Patrimonio da Humanidade de España. O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu a estas tres sinaturas, nas que a representación do Grupo correu a cargo do seu actual presidente e alcalde de Segovia, Pedro Arahuetes.

O convenio asinado coa secretaria de Estado de Turismo e presidenta de Turismo de España, Isabel Borrego, establece a realización conxunta e coordinada de accións de mercadotecnia en torno á marca "Cidades Patrimonio da Humanidade de España" nos mercados internacionais, mellorando a eficacia e rendibilidade dos orzamentos de mercadotecnia das organizacións implicadas. Ambas as dúas partes realizarán durante 2013:
- Accións de comunicación, entras as que destacan viaxes de familiarización para xornalistas portugueses, alemáns, irlandeses, austríacos, finlandeses, suecos, norteamericanos, arxentinos, mexicanos, chineses, indios e singapurenses; presentacións a medios de comunicación e roldas de prensa nos mercados de orixe e publicación de boletíns informativos e newsletter dirixidos a prensa e medios de comunicación.
- Accións dirixidas ao consumidor final, accións de mercadotecnia viral e campañas de público.
- Participación en feiras turísticas internacionais: Salón de Vacacións de Bruxelas, ITB de Berlín e JATA de Tokio.
- Participación nas xornadas directas de comercialización organizadas por Turespaña.
- Presentacións a turoperadores e axentes de viaxes en Hamburgo, Miami, São Paulo, e Tokio.
- Campañas online en Estados Unidos, Reino Unido, Francia e Benelux.
- Viaxes de familiarización de turoperadores e axentes de viaxes procedentes de Alemaña, Austria, Finlandia, India, China, entre outros.
- Comercialización das Cidades Patrimonio nun sector de grande interese como é o turismo Idiomático.

O convenio de colaboración entre Grupo e RENFE, subscrito en FITUR polo seu presidente, Julio Gómez - Pomar, contempla diversas accións de mercadotecnia e comercialización para potenciar o posicionamento de marca de ambas as dúas institucións e fomentar as viaxes en tren aos destinos da Asociación. RENFE e o Grupo colaborarán conxuntamente, entre outras accións, en:
- Organización de viaxes de familiarización.
- Promoción de rutas en tren a Cidades Patrimonio da Humanidade de España.
- Ofertas especiais.
- Campañas de promoción conxunta.

Finalmente, as Cidades Patrimonio e Paradores de Turismo deseñarán e comercializarán en 2013 paquetes turísticos co fin de promover a comercialización dos establecementos da rede de Paradores nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España e dos seus principais produtos turísticos e culturais, para o que se desenvolverán ferramentas de promoción específicas, co fin de garantir a súa axeitada difusión, distribución e promoción en feiras, workshops, xornadas e seminarios. Así o establece o convenio de colaboración subscrito polos presidentes de ambas as dúas entidades, Pedro Arahuetes e Ángeles Alarcó.

Compartir: