ALCALDÍA

O Grupo de Cidades Patrimonio aproba un orzamento de 1,3 millóns de euros para 2013

01/02/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu en Alcalá de Henares á Comisión Executiva do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Logo, desprazouse a Madrid para participar en FITUR na sinatura de tres convenios do Grupo con RENFE, Turespaña e Paradores.

Seguindo a orde do día, nesta reunión aprobouse o orzamento do presente exercicio 2013, que ascende a 930.000 euros. Coa incorporación de remanentes do 2012 por 380.000 euros, o orzamento alcanza os 1.310.000 euros, sendo a partida máis importante a de turismo, con 400.000 euros.

Atendendo á nova estrutura organizativa, deuse conta dos informes de cada Comisión. Así, a Comisión de Representación, Promoción e Turismo aprobou os convenios que o Grupo asinaría pouco despois en FITUR con RENFE, Turespaña e Paradores. Ademais, aprobouse o Plan Operativo Anual de Turismo.

Na Comisión de Patrimonio e Cidade informouse das próximas actividades que se levarán a cabo en catro materias fundamentais: seguridade, accesibilidade, medio ambiente e urbanismo, facendo especial fincapé na concreción das liñas marco para a elaboración de plans de xestión das Cidades Patrimonio.

Finalmente, a Comisión de Educación e Cultura comunicou que se seguirá mantendo a liña de traballo dos programas de coñecemento para nenos das Cidades Patrimonio.

A Comisión Executiva tamén autorizou os actos do 20º aniversario do Grupo, cuxas actividades centrais se desenvolverán en Ávila o 17 de setembro de 2013. Cada cidade poderá celebrar tamén as súas arredor da devandita data.

Compartir: