FESTAS

Un escenario de 120 metros cadrados, 80.000 vatios de son e 150.000 de luz para os concertos do campus

23/05/2006 As festas da Ascensión arrancan o mércores 24 cun programa para todos os gustos e que convida á participación. Disparo de bombas e pasarrúas de gaiteiros animarán o ambiente a media mañá. Contra a tardiña, fanfarria; ás dez da noite, verbena coa Orquestra París no paseo central da Alameda; e ás once, apertura dos grandes espectáculos no campus sur, gratuítos, coas actuacións de Kiko Veneno e Muchachito Bombo Infierno, por esta orde. Sairán a un escenario de 12 por 10 metros máis as ás de son. O espectáculo, que levará 80.000 vatios de son e 150.000 de luz, durará unhas tres horas aproximadamente, con quince minutos polo medio para facer o cambio.

Para a Festa dos Maiores, que se celebra o sábado no recinto feiral de Amio cun xantar de convivencia e baile, xa se inscribiron 1.902 persoas, coa previsión de chegar aos 2.200 ou 2.300 asistentes. Estas cifras suporían un incremento de case un trinta por cento con respecto á participación do ano pasado.

Os colegas Jairo e Kiko, en concerto

Jairo é o nome deste "muchachito" nacido en Santa Coloma de Gramanet, que con gran éxito mete no mesmo saco rumba, rockabilly, ska e pop; un mestura idónea para ver e bailar. El toca a guitarra e, co pé, o bombo; e de chapeu, un bombín. Os Bombo Infierno levan teclista, contrabaixo, batería e cinco instrumentos de vento: dous saxos, dúas trompetas e un trombón. A posta en escena resulta desconcertante e divertida. Todo un espectáculo, porque, ademais, durante a súa actuación, o "pintor músico" Santos de Veracruz debuxa un cadro que logo vende entre o público. Hai que velo.

Jairo Muchachito e Kiko coñecéronse hai un ano e fixéronse "colegas", tanto que están a facer xuntos un atrevido proxecto discográfico e musical. Con eles están outros tres compadres, como se chaman entre eles: Tomasito, el Canijo y el Diego. Xa teñen oito cancións para o disco, na que figurarán co nome de G 5. No concerto de mañá pola noite, está previsto que Jairo suba a cantar un tema con Kiko, e viceversa.

Curtido en mil batallas e tras cinco anos sen gravar, Kiko Veneno trae un novo disco, "El Hombre Invisible", que debullará durante a súa actuación. Sairá a escena arroupado pola banda "Los notas del retumbe", que inclúe nomes como Raúl Rodríguez (fillo da artista Martirio), guitarra flamenca, e Charlie Cepeda, guitarra eléctrica e produtor deste disco. A instrumentación complétase con baixo, percusión, batería e teclados.

Direcciones relacionadas



Compartir: