TURISMO

Santiago promociónase en Fitur

29/01/2013 Turismo de Santiago desenvolverá unha ampla axenda de actividades en Fitur, a principal feira turística de España, que se celebrará entre o 30 de xaneiro e o 3 de febreiro en Madrid. Alí presentarase o Proxecto Certo, promocionarase a nova conexión entre Santiago e Estambul e celebraranse reunións con representantes de Renfe e directores de OETs, entre outros.

O día 30, ás 14:00 horas, no stand de Galicia, Santiago recibirá o premio ao destino turístico con mellor reputación on line de España, concedido por Trivago en base ás opinións dos seus usuarios. Ese mesmo día 30, as 16:00 horas, Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela reuniranse con representantes de Renfe, no stand desta última. Nesta reunión estudaranse posibilidades de traballo conxunto, continuando coa liña que se abriu nunha primeira xuntaza que se celebrou a comezos de mes no Pazo de Raxoi.

O día 31 de xaneiro, ás 10:45 horas, no stand de Galicia, celebrarase a presentación dun innovador Tour Box para descubrir conxuntamente tres camiños de peregrinaxe declarados Itinerarios Culturais Europeos: o Camiño de Santiago, a Vía Francíxena e a Ruta de San Olav. Este Tour Box nace dentro do Proxecto Certo, no que, ademais de Turismo de Santiago, participan entidades de Italia, Noruega e Luxemburgo.

Nesta presentación intervirán a concelleira de Turismo, Reyes Leis; a directora xeral do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, Penélope Denu; o presidente de Camiños de Europa, Alessandro Cardinali; o presidente da Asociación Europea da Vía Francíxena, Massimo Tedeschi; o coordinador do Proxecto Certo, Giovanni Pattoneri; e o product manager do Eatinerari-Cammini d’Europa, Diego Di Paolo.

Turismo de Santiago continuará promocionando a nova conexión entre Santiago e Estambul, como fixo a semana pasada na Emitt, a principal feira turística de Turquía. As persoas que se acheguen ao mostrador de Santiago poderán participar no sorteo dunha viaxe a Estambul, que inclúe unha cea en Santiago, xa que sexa de onde sexa o gañador, terá que partir dende a cidade. Este sorteo é unha das medidas acordadas con Turkish Airlines para a promoción da ruta e nesta ocación conta coa colaboración de Paradores.

Turismo de Santiago manterá reunións con numerosos profesionais para promocionar a cidade. Entre outros, haberá reunións cos directores de diferentes Oficinas Españolas de Turismo. Ademais, no mostrador de Santiago en Fitur atenderanse todas as consultas do público xeral interesado en visitar a cidade.

Documentos relacionados



Compartir: