ENTROIDO

Máis apoios á solicitude de declaración do Entroido dos Xenerais do Ulla como Festa de Interese Turístico de Galicia

24/01/2013 O concelleiro Francisco Noya participou na presentación do programa do Entroido dos Xenerais da Ulla, celebrada na sede da Deputación da Coruña. Durante a mesma, o presidente do organismo provincial, Diego Calvo, manifestou o seu apoio á solicitude de declaración deste Entroido como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Francisco Noya e Diego Calvo estiveron acompañados na rolda de prensa polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez; e por Anxo Rei e Adela Redondo, concelleiros de Teo e Boqueixón, respectivamente. Todos eles coincidiron en apuntar que calquera dos concellos participantes nesta iniciativa de promoción é un bo destino para gozar do Entroido da Ulla e quixeron invitar a todos os coruñeses e galegos a asistir á súa próxima edición.

Sobre a campaña para lograr que o Entroido dos Xenerais sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, Diego Calvo indicou que "motivos non lles faltan, xa que estamos ante unha das mostras máis claras e máis tradicionais do Entroido galego", unha celebración que se transmite de xeración a xeración e que "mantén todos os ingredientes que tiña no seu nacemento, a mediados do século XIX".

Atranque no Obradoiro
Sobre a festa desta ano 2013, cómpre lembrar que os Xenerais da Ulla chegarán dacabalo á praza do Obradoiro para escenificar un típico "atranque" ou "alto". Será o sábado 26 de xaneiro ás 12:00 horas. Trátase dunha presentación pública do Entroido tradicional da Ulla, que ten lugar nas inmediacións da cidade de Santiago dende a primeira metade do século XIX: os Xenerais van dacabalo, disfrazados con vistosas vestimentas militares similares ás desa época, que inclúen adornos puramente carnavalescos, que locen tamén os cabalos.

Os atavíos, tanto dos Xenerais como dos seus cabalos, chaman a atención pola súa tradición, orixinalidade, colorido e grao de elaboración, o que fai que teñan un gran valor. Unha vez no Obradoiro, os Xenerais da Ulla representarán un típico "alto" ou "atranque": un debate dialéctico por parellas para tratar temas de actualidade no ton de mofa característico das coplas do Entroido.

Nesta presentación no Obradoiro, participarán oito Xenerais da Ulla das parroquias compostelás de Aríns, Marrozos e O Eixo. Esta presentación pública na principal praza de Santiago de Compostela pretende ser un só un aperitivo dos actos que terán lugar dende finais de xaneiro e ata mediados de febreiro nos oito concellos onde se celebra esta festividade tradicional e única no seu xénero, e que por segunda vez colaboran na súa promoción conxunta: Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

O Entroido da Ulla remonta as súa orixes a primeira metade do s. XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese século: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Así, os seus principais protagonistas son vistosas figuras que recrean estes momentos históricos. Xenerais e correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do Entroido tradicional galego.

A esta presentación na Deputación da Coruña acudiron tamén dous xenerais e dous correos, que realizaron unha mostra dos enfrontamentos dialécticos típicos desta celebración e amosaron catro traxes típicos, caracterizados por sombreiros moi traballados e traxes moi elaborados e traballados.

Direcciones relacionadas



Compartir: