CULTURA

Recoñecidos músicos presentan en Íntimo & Acústico as súas propostas máis persoais

24/01/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou a proposta do ciclo Íntimo & Acústico para a primeira parte do ano. Recoñecidos músicos e artistas presentan neste ciclo as súas achegas máis singulares e persoais. Teremos a Christina Rosenvinge, The New Raemon, Rubén Pozo, Sr. Chinarro, Luar na Lubre, Sidonie e Albert Pla.

Comeza esta primeira entrega do ano a voz feminina por excelencia da escena indie española, Christina Rosenvinge, que bota a vista atrás e abre os caixóns para volver mostrar as cancións das que máis orgullosa se sente, tras 30 anos de carreira, xunto con novas gravacións. Chega acompañada de Aurora Aroca e Raúl Fernández o xoves 7 de febreiro ao Teatro Principal.

A segunda proposta será o 28 de febreiro na Zona C, onde poderemos asistir á presentación do novo disco do barcelonés The New Raemon, Tinieblas, por fin. Xunto a el teremos á tamén catalá Clara Vinyals en acústico. Inquieto como poucos, Ramón Rodríguez, o home detrás de The New Raemon, leva 20 anos cociñando cancións que nos presenta en formato acústico nesta xira que o trae a Santiago.

Tras el chega Rubén Pozo á Zona C o mércores 6 de marzo. Faino coa xira Menos es más, na que presenta o seu último traballo, Lo que más el só, acompañado dunha guitarra. Amante de sons clásicos, Rubén Pozo é coñecido por ser a metade de Pereza, e presenta este seu primeiro disco, un traballo de cancións honestas que se traducen nun debut natural e auténtico.

Tamén en marzo, pero o xoves 14, teremos ao Sr. Chinarro no Teatro Principal. O maior atractivo de Sr. Chinarro son sen dúbida as letras das cancións, compostas case na súa totalidade por Antonio Luque, eixe central do grupo sevillano, e nelas combínase o surrealismo e o costumismo. O seu último disco publicado, Menos samba, seguro que será parte do clásico repertorio que nos ofreza en Santiago, lugar ao que hai máis de tres anos xa que non vén.

A seguinte proposta chega o 21 de marzo ao Teatro Principal, onde teremos o concerto presentación da nova xira de Luar na Lubre. A música de Luar na Lubre é un exemplo de lealdade a unha maneira de facer, de descubrir ligazóns entre a raíz e o contemporáneo, de constancia en tempos difíciles que sempre dá froitos. Son máis de 25 anos na brecha cun percorrido que agora continúa coa presentación deste novo traballo.

Xa en abril chegará ao ciclo Sidonie, o día 12 no Teatro Principal. Unha das bandas de referencia do rock nacional está de volta e faino coa publicación dun dos seus discos máis persoais dos últimos anos, El fluído García, que levan presentando por toda España durante meses. Despois dunha extensa xira por salas e festivais Sidonie lanzan o máis difícil aínda coa presentación dun formato acústico dunha xira por teatros, concertos que os achegarán máis se cabe ao seu público e ofrecerannos unha nova cara desta banda que ten aínda moito que ofrecer.

E pecha inicialmente esta proposta, que se verá completada con outro concerto nos vindeiros días, Albert Pla que presenta a súa Manifestación no Teatro Principal o venres 31 de maio. Manifestación é un espectáculo baseado nunha idea orixinal de Albert Pla que xira arredor da historia dun home atrapado nunha manifestación eterna.

Venda de entradas
As entradas para todos os concertos poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado e días de concerto de 18:00 a 21:00 horas) e, nos concertos da Zona C, tamén o propio día no mesmo espazo. Ademais, dependendo do concerto, tamén hai vendas noutros lugares. O prezo vai dende os 8 ata os 19 euros.

Compartir: