TURISMO

Trivago premia a Santiago como a cidade con mellor reputación online de España

24/01/2013 O comparador de prezos de hoteis www.trivago.es presentou os resultados do seu estudo de reputación online, no que se analizaron as valoracións que deixan os usuarios de internet nos destinos españois con maior número de hoteis. As cinco cidades con mellor reputación online serán galardoadas cos premios Trivago Online Reputation Awards 2013 no marco da feria de turismo FITUR, en Madrid. Santiago de Compostela quedou primeira nesta clasificación.

A análise realizouse nas 40 cidades españolas con maior número de hoteis, téndose en conta 1.7 millóns de opinións de usuarios rexistradas tanto nas diferentes plataformas de Trivago como nas webs de reserva que compara.

Santiago de Compostela é a cidade española con mellor reputación online, cunha valoración media de 82.05 puntos sobre 100. Xunto a Oviedo, con 80.19 puntos, son os únicos destinos analizados que superan os 80 puntos. Valencia, con 79.82, é a terceira do ranking, Burgos é a cuarta, con 79.74, e Córdoba, a quinta, con 79.71. Estas cinco cidades recibirán o galardón dos Trivago Online Reputation Awards 2013 durante a feira de turismo FITUR, que terá lugar en Madrid entre os días 30 de xaneiro e o 3 de febreiro, como recoñecemento ao labor e o bo facer dos seus hoteis. O resto de cidades que conforman o ranking das dez cidades con mellor reputación online son Salamanca (79.70), Barcelona (79.56), Málaga (79.40), Bilbao (79.17) e Zaragoza (78.98).

Os premios Trivago Online Reputation Awards nacen para recoñecer o bo traballo dos aloxamentos das cidades españolas, xa que a reputación online é un dos factores que máis inflúen tanto na decisión de compra dos viaxeiros como na creación dunha imaxe de marca sólida por parte dos hoteleiros.

A entrega dos premios terá lugar nos diferentes stands das cidades galardoadas. Entregarán os premios indistintamente Alberto Calcerrada, director de Comunicación de Trivago España, e Natalia Aguilar, directora de Trivago España.

www.trivago.es é un comparador de prezos de hoteis que axiliza os procesos de busca e reserva ao mostrar en tempo real os prezos que máis de 100 portais de reserva online ofertan para máis de 600.000 hoteis de todo o mundo. Fundada en 2005, Trivago conta actualmente con plataformas en 30 países e máis de 18 millóns de visitas únicas ao mes.

Compartir: