FACENDA

Os orzamentos 2013 blindan os gastos sociais e os servizos públicos e apostan polas políticas de emprego e promoción económica

23/01/2013 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, presentou os orzamentos 2013, marcados pola aposta polas políticas de emprego e o investimento, a blindaxe do gasto social e dos servizos públicos básicos, a promoción económica e a loita contra o fraude fiscal. As contas prevén 95,7 millóns de euros de ingresos e 92,4 millóns de gastos.

Cecilia Sierra destacou catro eixes de actuación destes orzamentos 2013, do que o primeiro é o impulso das políticas activas e preventivas de emprego e os investimentos. Respecto ao emprego, salientou o incremento de 444.274 euros (101%) da partida destinada a este fin respecto a 2012, quedando en 886.244 euros. En canto ao carácter inversor destes orzamentos, indicou que os investimentos aumentan un 100%, en base sobre todo a unha política de financiamento con recursos doutras administracións para evitar o endebedamento e a unha planificación estratéxica.

O segundo eixe de actuación é a blindaxe do gasto p´bulico e dos servizos públicos básicos. Así, citou o aumento do 11% da partida para dependentes, o incremento do 3% do orzamento da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) ou a suba dun 10% da partida total de Benestar Social. En suma, a área de protección e promoción social incrementa o seu orzamento nun 32% respecto a 2012, situándose en algo menos de 6,1 millóns de euros, fronte aos 4,6 millóns de 2012. A isto hai engadir o aumento do orzamento de Igualdade nun 11% e as políticas de acceso á vivenda, presupostando 902.644 euros para as áreas de rehabilitación integral.

Outro dos eixes deste orzamento 2013 é o apoio aos sectores produtivos como instrumento para xerar un crecemento duradeiro e estable. Dous proxectos, o Urbana Santiago Norte e o Santiago Investors Support concentran as actuacións neste eido, totalizando 8,8 millóns de euros, polos 7,9 millóns de 2012.

Finalmente, estas son unhas contas que reflicten tamén unha liña de loita contra o fraude fiscal, cun estrito plan de control tributario que pretende garantir a recadación a maiores de 2,8 millóns de euros.

Superávit
Pasando ás cifras globais, o orzamento contempla 95.699.627 euros de ingresos, o que supón un incremento de 3.119.119 euros (+3,37%) respecto ao exercicio 2012. O orzamento de gastos é de 92.458.617 euros, 2.598.829 euros máis (+2,89%) que no ano anterior.

Deste xeito, estímase un superávit inicial de 3.241.010 euros. Non obstante, aclarou a concelleira que se terá que realizar unha devolución de ingresos derivada da sentenza xudicial da operación Peleteiro por importe de 2.603.674 euros. Así, o superávit real quedaría en 637.335 euros.

Ingresos
Analizando os ingresos, a suma dos capítulos 1 (impostos directos), 2 (impostos indirectos) e 3 (taxas, prezos públicos e outros ingresos) sofre unha caída do 2%. A razón deste retroceso é a baixada dos ingresos urbanísticos, a conxelación dos impostos (coa excepción obrigada do IBI) e a non actualización das taxas ao IPC.

O capítulo 4, de transferencias correntes, medra un 13% como consecuencia fundamentalmente do aumento do Fondo Complementario de Financiamento e da recuperación do financiamento doutras administracións. No capítulo 6, de enaxenación de investimentos reais, a diminución alcanza o 90%, a consecuencia da estimación "prudente e realista" de venda de parcelas tendo en conta o actual contexto económico.

Finalmente, as transferencias de capital presupostadas (capítulo 7) medran un 93,5%, fundamentalmente polo crecemento das transferencias de fondos da Unión Europea.

Gastos
En canto aos gastos, os de persoal (capítulo 1) redúcense nun 0,65%, situándose nos 29,4 millóns de euros. Neste sentido, a concelleira lembrou que o maior esforzo neste eido xa se fixera no exercicio anterior no marco do Plan de Axuste.

Outra importante partida de gasto, con 34,1 millóns de euros é a do capítulo 2, de bens correntes e servizos, cun incremento do 4,03%. Esta suba deriva fundamentalmente da aplicación da suba do IVE e do IPC aos diferentes contratos municipais, malia que se seguiu reducindo gasto "supérfluo".

O capítulo 3 (gastos financeiros) baixa un 26% como consecuencia da baixada dos tipos de interese a pagar e tamén da maior dispoñibilidade prevista en tesourería como consecuencia do pago fraccionado do IBI, o que permite que nesta ocasión non se teña que presupostar unha operación de tesourería si realizada en anteriores exercicios.

As transferencias correntes (capítulo 4) tamén se reducen, neste caso un 3%, quedando en 9,7 millóns de euros. Baixan as achegas ao Consorcio, a Incolsa e ao Auditorio e sube a destinada a Tralusa. Neste punto, Cecilia Sierra lembrou que se manteñen as subvencións nominativas de carácter social, pero baixan as destinadas a entidades culturais e deportivas.

Os investimentos reais soben neste exercicio 2013 ata os 7,6 millóns de euros, o que reflicte un incremento do 100% (3.796.616 euros) respecto a 2012. Neste capítulo destacan investimentos como os previstos na Almáciga no marco do USN, o centro sociocultural do Romaño, a mellora na mobilidade en Vista Alegre ou o Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, entre outros.

As transferencias de capital (capítulo 7) baixan un 41% pola disolución de Emuvissa e o gasto en pasivos financeiros (capítulo 9) baixa un 2% pola amortización de débeda.

Compartir: