URBANISMO

Un cambio puntual no PXOM permitirá graduar as situacións fóra de ordenación e optimizar os inmobles existentes

22/01/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta dos puntos da orde do día da Comisión de Urbanismo prevista para o xoves 24 de xaneiro, que logo serán sometidos á aprobación do Pleno ordinario deste mesmo mes. Entre eses asuntos destaca unha modificación puntual de dous artigos do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que permitirá unha novidosa cualificación e graduación dos inmobles fóra de ordenación.

SSegundo explicou María Pardo, estableceranse tres tipos de cualificación para estes inmobles fóra de ordenación: estrita, diferida e disconforme. A modificación non será aplicable no caso dos inmobles protexidos ou catalogados, dos inmobles incluídos no ámbito de aplicación do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica, das edificacións construídas en solo rústico ao abeiro de licenza urbanística ou da preceptiva autorización autonómica, e das edificacións construídas en solo urbanizable non delimitado (SUND) ao abeiro de licenza urbanística ou da preceptiva autorización autonómica.

A medida ten como obxectivo promover a actividade e favorecer, por exemplo, a rehabilitación. O cambio será explicado en profundidade pola concelleira nunha rolda de prensa prevista para este mércores, 23 de xaneiro.

Outro dos asuntos a tratar será a aprobación definitiva da modificación do Plan especial de protección do patrimonio construído de interese cultural de Santiago de Compostela. Este cambio afecta ao ámbito das denominadas Casas de Ramírez e afecta a dous ámbitos fundamentais: os usos e a regulación da instalación de ascensores.

O Pleno debaterá igualmente a modificación das fichas de catálogo do PXOM nos inmobles 108, 110 e 112 de Rosalía de Castro (A-21). O obxectivo é que estas fichas reflictan o estado actual dos inmobles e recoller as actuacións autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nos mesmos, co fin de garantir a súa rehabilitación.

Tamén se abordará o estudo de detalle das parcelas da Sionlla na que se instalará a firma comercial Bricomart, cun edificio de 21.457 metros cadrados. O estudo pretende ordenar volumes e axustar rasantes nas parcelas, permitindo aos interesados solicitar a correspondente licenza de edificación.

Volvendo ao PXOM, o Pleno tomará en coñecemento a modificación puntual deste para facilitar a ampliación do cemiterio de San Xián de Carballal, tras a petición cursada pola propia parroquia e motivada pola falta de espazo. A ampliación efectuarase sobre unha porción de terreo contigua, cualificada como zona libre pública.

Pacto dos Alcaldes e adhesión á RECI
Na orde do día tamén figura a adhesión do Concello de Santiago ao chamado Pacto dos Alcaldes, unha iniciativa da Comisión Europea co fin de apoiar o esforzo das autoridades locais na aplicación de políticas de enerxías sustentables. A sinatura deste Pacto supón o compromiso de elaborar un Inventario de Emisións de Referencia, isto é, un cálculo da cantidade de CO2 emitida como resultado do consumo de enerxía no municipio durante un ano tomado como referencia. O asinante deberá redactar tamén un Plan de Acción para a Enerxía Sustentable, que definirá as medidas a adoptar o Concello para cumprir co seu obxectivo de redución de CO2 antes do ano 2020.

Santiago tamén pretende adherirse á Rede Española de Cidades Intelixentes (RECI), da que xa forman parte 29 cidades españolas. A inclusión nesta Rede supón asumir unha planificación da cidade baseada na xestión intelixente e a sustentabilidade co emprego das novas tecnoloxías. O seu obxectivo é intercambiar experiencias e traballar conxuntamente para desenvolver un modelo de xestión sustentable e mellorar a calidade de vida dos cidadáns, incidindo en aspectos como o aforro enerxético, a mobilidade sustentable, a Administración electrónica, a atención ás persoas ou a seguridade.

Os contidos destes pactos e redes serán materias nas que traballará a Comisión Municipal de Sustentabilidade e Sociedade da Información, cuxa creación foi aprobada recentemente en Xunta de Goberno.

Compartir: