DEPORTES

Santiago converteuse este domingo en punto de referencia do atletismo galego

20/01/2013 O circuíto do Monte do Gozo acolleu este domingo o Campionato Galego de Cross Curto, do Campionato Galego Cadete e Xuvenil de campo a través e do Memorial Alejandro Lorenzo. Máis de 970 atletas participaron nas diferentes categorías, competindo nun atractivo circuíto, endurecido aínda máis polas malas condicións climatolóxicas.

O S.G. Pontevedra, en categoría masculina, e o Comesaña Sporting C., na feminina, foron os clubs gañadores do Campionato Galego de Cross Curto. Individualmente, os primeiros en chegar á meta foron, respectivamente, David Pérez, do Club Atletismo Sar, e Esther Navarrete, do At. Feminino Celta.

Na proba autonómica xuvenil, os triunfadores foron Ero Doce, do Ría Ferrol-C. Arenal, e Uxía Pérez, do Atletismo Tui. Por equipos, gañaron A.D.A.S. (masculina) e Comesaña Sporting C. (feminina). Os primeiros clasificados individualmente en categoría cadete foron Miguel González, do Lucus Caixa Rural Galega (masculina), e Iria Rodríguez, do Atletismo Porriño (feminina). O Lucus Caixa Rural Galega gañou por equipos tanto en categoría masculina como feminina.

Finalmente, no Memorial Alejandro Lorenzo, os gañadores foron Pedro Osorio, do C.A. Afflelou Narón (infantil masculina); Raquel Meaños, do A.A. Mazi (infantil feminina); Pablo Freire, do C.A. Afflelou Narón (alevín masculina); Sara Lima, do C.S.C.R. Beade (alevín feminina); Eduardo Parcero, do At. Vila de Cangas (benxamín masculina); e Sofía Fernández, do Atlética Val Miñor (benxamín feminina). Por equipos, os primeiros clasificados foron os seguintes: At. Vila de Cangas (infantil masculina e feminina, alevín masculina e feminina, e benxamín masculina) e Atlética Val Miñor (benxamín feminina).

II Cross de Compostela
Para o 17 de febreiro está prevista a celebración, tamén no Monte do Gozo, do II Cross de Compostela e dun novo memorial de campo a través para categorías escolares. Ademais, realizarase o Campionato Galego de Campo a Través veterano e un cross de carácter popular.

Direcciones relacionadas



Compartir: