URBANISMO

Un cambio urbanístico facilitará a instalación de ascensores nas Casas de Ramírez e a liberalización de usos sen alterar a protección

18/01/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou que no Pleno ordinario de xaneiro se aprobará definitivamente a modificación do Plan especial de protección do patrimonio construído de interese cultural de Santiago de Compostela. Este cambio afecta ao ámbito das denominadas Casas de Ramírez e entrará en vigor a mediados de febreiro.

A modificación do Plan afecta a dous ámbitos fundamentais: os usos e a regulación da instalación de ascensores. A filosofía do cambio é, segundo a edil, "permitir cambios no contido (usos) sen alterar o continente (patrimonio construído)". Trátase de "liberalizar os usos sen alterar un ápice a protección das vivendas individualmente consideradas e do seu ámbito".

"O que o Plan protexe é a configuración material do conxunto catalogado, pero permite calquera dos usos previstos pola ordenanza xenérica, dun xeito moi flexible, como en calquera outra zona da cidade, sempre que sexa compatible coa devandita protección, é dicir, que non supoña a alteración substancial do conxunto e dos seus elementos catalogados", apuntou.

No caso dos usos, María Pardo indicou que "a ficha 72 do Plan especial establece taxativamente que quedan prohibidos os cambios de uso existentes na actualidade". A propósito disto, referiuse á existencia de sentenzas xudiciais que "anularon licenzas concedidas, e que interpretaron o alcance da prohibición do cambio dos usos existentes na actualidade no sentido de non permitir a utilización dos locais situados nestas plantas e, polo tanto, de non autorizar actividades neles, agás naqueles casos en que no local existira actividade previa a 1988".

O outro obxectivo da modificación é a regulación coherente da instalación de ascensores. Volvendo á devandita ficha 72, lembrou que esta indica que non se admite volume adicionable nin utilización de espazos existentes en planta baixa, semisotos ou sotos.

O cambio nesta normativa atende unha recomendación da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia no sentido de clarificar este aspecto. "A posibilidade que establece a modificación, de introducir ascensores ou outros elementos de accesibilidade, non é incompatible coa normativa de protección que deriva da condición de conxunto catalogado; ben ao contrario, é un elemento que pode contribuír eficazmente a súa posta en valor", explicou a concelleira. Neste sentido, apuntou que "a existencia dos espazos libres en torno a caixa de escaleiras e a súa permanencia -grazas, en boa medida á normativa que impediu a súa ocupación- é o que permite hoxe dispoñer dos espazos onde dispoñer os ascensores dun xeito coherente e compatible coa concepción orixinal do edificio". Finalmente, aclarou que tampouco se van permitir outros incrementos de edificabilidade neste ámbito, salvo a posibilidade de dispoñer de ascensores".

No Pleno ordinario de xaneiro tamén se explicarán as razóns do rexeitamento da única alegación presentada no período de exposición pública, a cal, en síntese, non atopaba xustificada a protección da distribución interior, por entender que non afecta aos elementos catalogados. Solicita pois que se limiten as medidas de protección ao estritamente sinalado no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

A Concellería de Urbanismo non estimará a alegación sobre a base de que "o PXOM non só cataloga elementos específicos dos edificios, pero a catalogación específica non implica, loxicamente, levantar a catalogación do propio conxunto a protexer", explicou María Pardo.

Estudo de detalle
A maiores desta modificación do Plan especial, o Departamento está elaborando un estudo de detalle para ordenar o ámbito. Así, como consecuencia da situación de "alegalidade" na que se atopan moitos dos establecementos existentes no ámbito, non existe unha uniformidade, senón que, ao contrario, cada negocio optou por unha solución estética diferente.

Fronte a isto, o estudo terá como obxectivos:

- Establecer os criterios compositivos para a formación dos ocos nos locais comercias nas zonas de soportais (escaparates).
- Establecer as características que deben cumprir as carpinterías (dimensión, cor, material...).
- Establecer as condicións específicas que, se é o caso, deben cumprir os rótulos, carteis, toldos, reixas e demais elementos accesorios.
- Establecer as condicións específicas para o tratamento dos elementos das zonas comúns: patios e portais, fachadas e carpintarías e cubertas.
- Propoñer as directrices comúns e as solucións específicas concretas para a incorporación de ascensores.
- Sinalar os criterios xerais para outras actuacións de carácter conxunto.
- Retirada de cableado.
- Cambio de cor nas fachadas.

O estudo de detalle garantirá a recuperación da uniformidade do conxunto e, segundo a concelleira, poderíase aprobar inicialmente no prazo dun mes.

Compartir: