XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba novos investimentos en programas de inserción social, emprego e envellecemento activo

17/01/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, deu conta de varias subvencións que permitirán a posta en marcha de diversos programas en materia de envellecemento activo, inserción social ou prevención da drogododpendencia. Ademais, prorrogouse o contrato de atención domiciliaria á infancia por un ano máis.

A subvención de 45.000 concedida pola Deputación da Coruña para o programa de inserción social permitirá por en marcha diversas accións en materias como a loita contra o absentismo escolar ou a exclusión social. O organismo provincial tamén outorgou unha axuda de 3.000 euros para o programa Socia-Mente, centrado no envellecemento activo e saudable.

Na xuntanza do Goberno local deuse conta igualmente dunha subvención para o programa Versión 2.0, de prevención da drogodependencia, por importe de 50.284 euros. O financiamento do proxecto completarase cunha achega municipal de 15.085 euros.

En materia de emprego, aprobouse un expediente de crédito extraordinario para a realización de gastos de investimento para a execución de obras incluídas no obradoiro de emprego Santiago Impulsa, por importe de 47.000 euros.

Seguindo coa Concellería de Benestar Social, aprobouse a prórroga e revisión de prezos do contrato de atención domiciliaria e comunitaria á infancia por un ano e cun importe de 50.926 euros.

Formación
No ámbito do mesmo Departamento, deuse o visto bo ao texto do convenio entre o Concello e o CEIP Ánxel Casal-Monte Alto para o desenvolvemento de formación en centros de traballo, dirixido ao alumnado de formación profesional específica. A denominación da ensinanza para a que se solicita a sinatura do convenio é Integración Social. As practicas terán unha duración de 300 horas e o período de vixencia do convenio será ata o 5 de abril de 2013.

Outro convenio formativo cuxa sinatura se aprobou é o do Concello coa Universidade Nacional de Educación a Distancia. O obxectivo deste acordo é establecer un programa de cooperación educativa a través do cal os estudantes da UNED, matriculados en ensinanzas oficiais de Grao ou equivalentes ou conducentes á obtención dun título de Master Universitario, poidan complementalo coa formación práctica que require o desenvolvemento de actividades profesionais.

Conservación do cemiterio municipal
A Xunta de Goberno aprobou un novo prego de condicións técnicas para a prestación do servizo de conservación e mantemento do cemiterio municipal de Boisaca.

Documentos relacionados



Compartir: