DEPORTES

Santiago acollerá un curso de prevención e readaptación de lesións deportivas

17/01/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o Curso de Prevención e Readaptación de Lesións Deportivas, que se celebrará o sábado 9 e o domingo 10 de febreiro no novo Centro Sociocultural de Santa Marta. A inscrición abrirase o 21 de xaneiro.

Adrián Varela, que estivo acompañado na rolda de prensa por Eduardo Parra, ex-recuperador de Ínter de Milán e Liverpool, e Gerardo Anllo Rivera, recuperador da Clínica MEDEF, vinculou este curso coa marca "San" do seu Departamento, que quere "transmitir tamén unha filosofía moderna do deporte". En particular, referiuse á prevención como un concepto que debe fomentarse no deporte dende as idades máis temperás. Mostra da importancia que a prevención e a readaptación xogan hoxe en día –apuntou- é que son cada vez máis clubs os que contan con especialistas nesta materia.

O seminario abrirase o sábado 9, ás 9:00 horas, co relatorio "Fisiopatoloxía, clasificación e diagnóstico", impartido por Juan García Cota, xefe dos servizos médicos da Selección Española de Fútbol e do Celta de Vigo. A continuación intervirá Félix Ledesma, fisioterapeuta do Liverpool, cunha sesións obre "Tratamento e prevención".

Na xornada da tarde, Julio Tous, preparador e readaptador físico da Juventus, falará sobre "Valoración, readaptación e control" e, a continuación, sobre "Valoración, control e recuperación funcional". Xa o domingo, durante a mañá, dobre sesión con Jordi Sorlí, readaptador físico do Valencia C.F, quen se centrará na readaptación de lesións musculares.

Os interesados no curso, organizado pola Clínica MEDEF poden inscribirse no Departamento de Deportes (Estadio de San Lázaro, porta 1), en horario de 9:00 a 14:00 horas, entre o 21 e o 31 de xaneiro. Para os que se inscriban antes do 28 de xaneiro, o prezo do seminario será de 200 euros, mentres que os demais deberán pagar 250 euros. Haberá cinco becas para licenciados en C.A.F.D e Fisioterapia vinculados a entidades deportivas de Santiago. Admitirase un máximo de 25 alumnos.

Compartir: