FACENDA

O Concello non executará gastos en proxectos financiados mediante transferencias antes do ingreso das mesmas

17/01/2013 A concelleira de Facenda en funcións, María Pardo, avanzou algúns datos da auditoría contratada polo Concello en outubro de 2011 para realizar un diagnóstico económico-financeiro e unha análise da situación de xestión e operativa do Concello e dos seus servizos. A mostra representativa de proxectos analizados deixa un balance de máis de 170.000 euros de dereitos incobrables e de máis de 1.428.000 euros gastados en proxectos con dereitos recoñecidos pero non ingresados.

A auditoría analizou diferentes procesos e actuacións sobre unha mostra representativa de 16 proxectos dos exercicios entre 2008 e 2011 (sobre un total de 231), financiados con transferencias do capítulo 7 de ingresos. De cinco destes proxectos extráese a existencia de 176.764 euros de dereitos incobrables, isto é, gastos realizados en base a dereitos recoñecidos sen o debido soporte documental, o que se traducirá, segundo indicou a concelleira, en que "nunca se ingresarán". Tamén destas cinco actuacións se derivan dereitos si recoñecidos documentalmente, pero non ingresados aínda a día de hoxe, por importe de 1.428.400 euros.

María Pardo explicou estes cinco proxectos, entre os que destaca polo seu importe o de saneamento da conca do río Aríns, un proxecto do ano 2002, por importe de 958.995 euros e financiado con fondos europeos. Indicou que a inversión se realizou, pero que, malia ser un dereito recoñecido, aínda non se ingresou a subvención. De feito, estase agora en xestións coa Unión Europea para percibir esa cantidade pendente. En situación semellante se atopa a obra do cinto arterial e abastecemento de auga potable en Santiago de Compostela.

Outra tipoloxía de casos é o daqueles sen soporte documental que impedirá percibir a cantidade comprometida no seu día. Así, referiuse á obra de instalación dun ascensor no Pazo de Raxoi, por 54.895 euros, na que non existe convenio co Consorcio de Santiago nin documentación para o recoñecemento do dereito.

Tampouco existe documento formal de compromiso, neste caso cunha empresa privada, que obrigue a esta a sufragar os 70.352 euros comprometidos para a asistencia técnica de dirección das obras de construción do estacionamento de Romero Donallo. O mesmo acontece, pola inexistencia de convenio coa Unión Europea, no caso do proxecto Equal Compostela 2007.

Prexuízo ás arcas municipais
A concelleira denunciou os prexuízos que estas xestións tiveron para o Concello, tanto pola inexistencia de financiamento como polo menoscabo á liquidez das arcas municipais, o que se traduce tamén en dilatación do proceso de pago a provedores.

Fronte a isto, a Concellería de Facenda apostou por evitar este tipo de situacións no futuro, efectuando un rexistro de dereitos segundo as normas contables. Neste sentido, e poñendo como exemplo o caso da subvención para o Castelo da Rocha, indicou que non se van executar obras financiadas en base a transferencias do capítulo 7 de ingresos ata que estas se teñan formalizadas.

Volvendo á devandita situación de dilación do pago a provedores, a auditoría apunta que, en 2011, o período medio de pago a pequenos provedores era de 105 días e, a grandes provedores, de 180 días. Esa morosidade no pago xerou ademais uns intereses de demora devengados de 1,43 millóns de euros. Corrixida esta disfunción, explicou María Pardo, "hoxe as facturas recoñecidas pasan directamente a caixa para o seu pago".

Circuíto de conformidade de gastos
A auditoría tamén pretendía detectar as disfuncións no circuíto de conformidade dos gastos. Así, no exercicio 2011, rexistráronse 6.900 facturas, das cales o 65% tiña un importe inferior aos 1.000 euros. Este alto volume de facturas está derivado en boa parte da non centralización dos procesos de adquisición e provoca ineficiencias administrativas –polo alto número de expedientes a tramitar- e a imposibilidade de aplicar economías de escala.

As solucións que se achegan para estas disfunción son a redución dos contratos menores, fixar unha central de compras, a aplicación da economía de escalas e unha redución de custos. Esta situación xa se conseguiu paliar en boa medida no exercicio 2012, na que o número de facturas pasou a 5.500, indicou a edil.

As disfuncións tamén son aplicables ao procedemento de rexistro de facturas. A existencia dun rexistro xeral, doutro de intervención e doutro do servizo xeran un excesivo lapso de tempo entre a recepción da factura ata a súa aprobación. Fronte a isto, a Concellería de Facenda vai centralizar o rexistro nun único rexistro de intervención e está traballando para facer posible en breve a factura electrónica. Tamén se referiu María Pardo á necesaria separación do servizo de contabilidade e o de intervención, xa que ata agora é a Intervención a que realiza tanto a contabilidade como a fiscalización do gasto.

Recoñecementos extraxudiciais
O terceiro punto da auditoría sobre o que falou a concelleira foi a revisión das contas. Neste punto, aludiu aos 52 expedientes de recoñecementos extraxudiciais de créditos entre 2009 e 2011, que suman 4.065.358 euros, o que representaba o 2% dos orzamentos municipais. Indicou que estes recoñecementos derivan da realización de gastos sen procedemento.

Esta auditoría inclúe tamén e elaboración dun plan director, que se presentará proximamente, que fixará unhas sinerxías en procedementos e procesos que redunde nunha mellor eficacia e eficiencia.

Documentos relacionados



Compartir: