CULTURA

O Teatro Principal acolle unha homenaxe aos presos na illa de San Simón

22/05/2006 "Cando Santiago era unha illa. Memoria dos presos de San Simón" é o nome que recibe a homenaxe que o martes 23 de maio se lle fará no Teatro Principal aos que estiveron apresados na illa de San Simón. A homenaxe, que comezará ás 21.00 horas, enmárcase dentro dos actos polo Ano da memoria que está a organizar a Consellería de Cultura en diferentes cidades e vilas do país e chega a Compostela da man da Asociación Cultural O Galo e coa colaboración da Concellaría de Cultura da cidade.

A homenaxe comezará coa proxección do documental "Aillados", de Antonio Caeiro, que retrata a represión franquista na illa de San Simón, describindo o campo de internamento para presos políticos que o franquismo instalou na illa. O documental acolle testemuñas dalgúns dos máis de 5.000 presos que estiveron en San Simón e que sobreviviron ás duras condicións de vida e aos fusilamentos.

Logo desta proxección haberá un coloquio no que participarán Néstor Rego, concelleiro de Cultura de Compostela; Óscar F. Refoxo, presidente da asociación Cultural O Galo; Uxío Diéguez, presidente da Asociación Galega de Historiadores; Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao e Antonio Caeiro, director do documental.

Compartir: