NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

"O señor das dunas", un contacontos de area para todos os públicos no CSC das Fontiñas

16/01/2013 O sábado 19, ás 18:00 horas, o Centro Sociocultural das Fontiñas acollerá o espectáculo para O señor das dunas, un contacontos dirixido a todos os públicos, dende os nenos e as súas familias ata os máis vellos da casa. Esta actividade forma parte do programa FalaRedes, realizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para as entidades adheridas á Rede de Dinamización Lingüística.

A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, presentou esta actividade, que tivera que ser suspendida en decembro. Desta vez, uns 100 nenos e nenas poderán gozar dun espectáculo que "gravita na necesidade de contar historias", segundo apuntou Francisco Castro, de Merlín Comunicación, empresa responsable do programa.

O señor das dunas ten un efecto "hipnotizador" e de "feitizo", indicou Castro. Este efecto "sorprendente", derivado fundamentalmente da precisión do deseño sobre area, tamén o corroborou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen ademais destacou o "léxico moi coidado" que se emprega no espectáculo.

Baseado na literatura oral galega, o contacontos O señor das dunas complétase coa ilustración en directo do relato feita con area. Os asistentes recibirán como agasallo un libriño cos contos que escoitaron. Complementariamente, na web do programa estarán ao dispor dos usuarios os Contos ao redor do microondas en versión dixital, unha iniciativa encamiñada a mellorar as técnicas de expresión oral.

Hai moitos anos, durante unha viaxe intercontinental, un barco naufragou á altura da Costa da Morte. As correntes mariñas arrastraron a un vello bibliotecario, amante da literatura e das historias ben contadas, ata a praia de Corrubedo. Alí comezou a contar contos tradicionais, que acompañaba e enriquecía con debuxos feitos con area…

E de Corrubedo ás vilas de Galicia. O señor das dunas visítanos contando cinco contos populares galegos, xunto cun alumno avantaxado que ilustra sobre a area a historia que nos narra a medida que se vai relatando. O espectáculo dura en torno aos 50 minutos.

Máis información na páxina web de FalaRedes e nas redes sociais: Twitter (@falaredes) e Facebook e Tuenti (Programa FalaRedes).

Compartir: