REHABILITACIÓN

O Concello explica aos veciños o proxecto de estudo, recuperación e posta en valor da fortaleza da Rocha Forte

15/01/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, ofreceu unha charla sobre o proxecto de estudo, recuperación e posta en valor da fortaleza da Rocha, organizada pola Asociación A Rocha Forte. Unha vez recibida a comunicación do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte pola que se concede ao Concello a subvención nominativa de 1 millón de euros para o devandito proxecto, porase en marcha un programa de actuacións que permitirá descubrir o espazo intramuros da fortaleza e exhumar os sectores da muralla e liza que aínda se manteñen ocultos.

O programa inclúe ata 12 actuacións diferentes organizadas, en función dos seus obxectivos concretos, en cinco grandes bloques de traballo: traballos de acondicionamento previo; estudo, escavación e restauración; difusión e posta en valor; traballos gráficos; e coordinación. Tendo en conta a nova perspectiva en materia de prazos, este proxecto pretende, sen alterar o investimento de 1 millón de euros, a súa finalización antes de maio de 2013.

A partida máis importante do programa, de 678.863 euros, estará destinada á escavación arqueolóxica do castelo da Rocha. Os labores arqueolóxicos centráronse ata a data no estudo das liñas defensivas da fortaleza. Esta estratexia permitiu delimitar o recinto intramurallas da fortaleza, así como a estrutura e configuración das súas liñas defensivas.

O proxecto formula a escavación na área do recinto intramuros. A intervención permitirá descubrir e estudar a organización espacial e funcional deste sector do depósito. Ademais deste obxectivo prioritario, ao tempo que se avanza na escavación arqueolóxica, iranse organizando os percorridos e o discurso expositivo no interior do castelo.

Compartir: