INFORMÁTICA

Amelia González aposta por seguir incrementando e mellorando os servizos da plataforma electrónica municipal

15/01/2013 A concelleira de Réxime Interior, Persoal, Informática, Consumo e Atención ao Cidadán, Amelia González, clausurou o curso "Sociedade da Información en Galicia: eficiencia e aforro de custos nos servizos públicos", organizado pola Cámara de Comercio de Santiago.

Amelia González referiuse na súa intervención ao papel das novas tecnoloxías para facer efectiva a Administración Electrónica, destacando o seu efecto para "tramitar máis en menos tempo, redeseñar os procesos, facer un mellor uso dos recursos dispoñibles e facilitar o acceso á información na organización, incrementando así a eficiencia e a seguridade".

Nesta dirección, falou da importancia da "reciclaxe do persoal ao servizo das Administracións públicas" e da "priorización de proxectos que permitan á organización, a cada departamento, a cada empregado, percibir uns beneficios claros e inmediatos, que animen a vencer calquera resistencia e dar continuidade ao proceso modernizador". Este nivel de prioridades tamén o aplicou aos cidadáns, á hora de elixir aqueles "proxectos que sexan de maior utilidade e resulten de interese para o maior número posible de cidadáns", co dobre obxectivo de dar un mellor servizo ao administrado e fomentar o uso da canle telemática entre a cidadanía". Puxo como exemplo destes, as autoliquidacións ou pagamentos de impostos, ou as reservas de espazos.

Xa falando do caso concreto do Concello de Santiago, Amelia González explicou que un dos obxectivos fundamentais do Goberno municipal é crear "unha verdadeira plataforma electrónica que permita a integración da información dos distintos departamentos e o traballo con expedientes electrónicos". Esta sede electrónica, dende o punto de vista do cidadán, céntrase principalmente nos servizos relacionados coa área económica, tales como o cálculo de tributos, consulta de recibos e liquidacións, domiciliacións, solicitudes de aprazamento de pago, autoliquidacións de distintos tributos e taxas e pago en liña.

Tamén se referiu á posta en marcha en 2012 dun sistema de reserva de instalacións deportivas municipais, ao sistema integral de xestión de actividades nos centros socioculturais –aínda en avaliación- e aos servizos urbanísticos, como a comunicación previa de obra menor e a comunicación de fin de obra. Ademais, o Concello ofrece un sistema de descarga de atestados de accidentes de tráfico.

"Actualmente estamos adaptando a sede electrónica para o proxecto de vencementos especiais da área económica, que permitirá o pago dos tributos en varios prazos", dixo. Ademais, anunciou a disposición en breve da descarga de certificados tributarios, o incremento do número de autoliquidacións de impostos e taxas en liña

Dende o punto de vista interno, a mellora dos procedementos electrónicos permitirá establecer un maior control sobre os procedementos e a actividade dos distintos departamentos, concluíu.

Compartir: