URBANISMO

O Rexistro de Urbanismo recibe en case un ano o 47% dos escritos da área

15/01/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, informou en rolda de prensa dos datos de concesión de licenzas de obra para vivendas durante o ano 2012. En total, concedéronse 194 licenzas, fronte ás 660 concedidas en 2011. Salienta a drástica diminución dos permisos solicitados para vivenda colectivas, mentres que, pola contra, se incrementaron as licenzas para rehabilitación.

María Pardo explicou estes datos pola actual situación económica. Esta reflíctese especialmente nas 108 licenzas para vivendas colectivas e apartamentos concedidas en 2012, fronte ás 564 -máis 20 unidades de residencial comunitario- concedidas en 2012. No caso de vivendas unifamiliares, outorgáronse 51 de obra nova, por 54 do exercicio anterior, e 35 para rehabilitacións, ampliacións e reformas, fronte ás 22 de 2011. Este aumento na rehabilitación débese fundamental, segundo María Pardo, ás axudas postas en marcha nesta materia.

O lixeiro incremento no número de licenzas solicitadas para obras maiores –de 156 en 2011 a 189 en 2012- está baseado, en palabras da edil, non en máis obras, senón nas solicitudes de prórroga dalgunhas, ademais das demandadas para colocación de ascensores. Estes mesmos argumentos serven para o balance de licenzas resoltas e finalmente concedidas: 243 en 2012 e 165 en 2011. Fronte a estes datos de obra nova, María Pardo salientou o importante incremento que se ten producido nas licenzas de obra menor, especialmente a raíz da entrada en vigor da Ordenanza municipal de tramitación de actividades.

Rexistro de Urbanismo
A concelleira tamén ofreceu datos sobre o funcionamento, dende o 1 de febreiro de 2012, do Rexistro de Urbanismo: "En case un ano de funcionamento, este Rexistro contribuíu a acurtar considerablemente os tempos de tramitación dos expedientes. Ademais, a atención especializada permite que o cidadán saia das oficinas municipais moito mellor informado".

En 2012, o Rexistro de Urbanismo tivo 1.834 entradas das 7.160 totais de todos os rexistros: 1.107 de 3.903 estaban dirixidas a Licenzas de Obra; 250 de 1.331 a Aperturas; 278 de 1.472 a Disciplina Urbanística; e 102 de 454 ao Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística. Isto supón que o Rexistro de Urbanismo recibiu en case un ano o 47% dos escritos da área.

Os datos indican que se produciu un incremento no número de entradas ao longo de 2012, en xeral e por negociados. Tamén reflicten a cada vez maior proporción que representa a actividade do Rexistro de Urbanismo respecto dos demais rexistros polos que seguen tendo entrada solicitudes urbanísticas.

"Aínda que esta actividade relativa aumentou moito ao longo do ano pasado, aínda algo máis da metade das entradas para o Departamento seguen producíndose no resto dos rexistros municipais, especialmente no Rexistro Xeral de Galeras", dixo a edil, reiterando a importancia ter en conta as vantaxes do Rexistro de Urbanismo en canto a rapidez e información especializada, esencial en cuestións como a presentación de comunicacións previas ou declaracións responsables de actividades e obras. Así, aconsellou realizar estes trámites no Rexistro de Urbanismo.

O incremento, tanto do número de entradas no Rexistro de Urbanismo como da proporción destas respecto das entradas totais, foi especialmente significativo no último trimestre nos negociados de Obras e Aperturas. O aumento responde principalmente á presentación das devanditas comunicacións previas e declaracións responsables.

María Pardo apuntou finalmente que, con estas medidas, "o Departamento de Urbanismo continúan a súa liña de axilización de trámites, eliminación de trabas burocráticas e atención especializada, con el obxectivo de que o cumprimento da legalidade non teña que ser sinónimo de dificultade para o cidadán".

Compartir: