DEPORTES

Mil atletas competirán no Monte do Gozo no Campionato Galego de Cross

14/01/2013 O circuíto do Monte do Gozo será a sede do Campionato Galego de Cross Curto, do Campionato Galego Cadete e Xuvenil de campo a través e o Memorial Alejandro Lorenzo. Uns mil atletas competirán nesta proba, que se disputará durante a mañá do domingo 20 de xaneiro. Santiago será tamén a sede, xa o 17 de febreiro, do II Cross de Compostela.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, convidou os composteláns a presenciar as distintas probas nun circuíto coma o do Monte do Gozo que o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, cualificou como "excepcional" tanto dende o punto competitivo como para o espectador. Neste sentido, o delegado da FGA en Santiago, Iván Sanmartín, apuntou que se pode observar todo o circuíto dende calquera punto.

As carreiras comezarán ás 10:30 horas coas probas do Memorial Alejandro Lorenzo nas categorías benxamín, alevín e infantil. Ás 11:55 horas celebraranse as competicións autonómicas cadetes e xuvenís. Finalmente, ás 13:30 horas sairán as corredoras sénior e promesa para competir no Campionato Galego de Cross Curto por clubs. E media hora despois, a carreira masculina.

II Cross de Compostela
Seguindo co cross, o concelleiro anunciou que o 17 de febreiro se celebrará, tamén no Monte do Gozo, o II Cross de Compostela e un novo memorial de campo a través para categorías escolares. Ademais, realizarase o Campionato Galego de Campo a Través veterano e un cross de carácter popular.

Nova edición de CorreSan
Na rolda de prensa, o presidente da FGA agradeceu ao concelleiro de Deportes o esforzo para "dinamizar un deporte que historicamente tivo un importante protagonismo en Santiago". A propósito disto, Adrián Varela anunciou a segunda edición do circuíto de carreiras saudables CorreSan, que este ano terá cinco probas, unha delas o 31 de decembro. Con estas cinco carreiras, son nove os eventos atléticos xa confirmados para o ano 2013 na cidade.

Compartir: