PARTICIPACIÓN CIDADÁ E CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Concellería de Participación Cidadá e Centros Socioculturais executou o 100% do seu orzamento de 2012

14/01/2013 O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, deu conta das últimas obras do seu departamento, coas que se completou a execución ao 100% do orzamento de 2012. Entre estas actuacións de remate de exercicio salientan a reparación integral do CSC de San Lourenzo e o arranxo de ordenadores en toda a Rede de Centros Socioculturais.

"Ao longo de todo o pasado exercicio desenvolvéronse centos de actividades nos centros socioculturais e colaborouse e deuse resposta en todo momento as demandas das asociacións veciñais", indicou Francisco Noya. Finalmente, engadiu, "no mes de decembro apuráronse os últimos cartos para liquidar as partidas tanto de Centros Socioculturais como de Participación Cidadá".

Entre estas últimas actuacións, o edil destacou a reparación integral do CSC de San Lourenzo. "Este era sen dúbida, o local en peores condicións da Rede, e con esta obra cumpriuse a promesa feita á Asociación de Veciños Río Sarela, despois de que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar non arranxara o local á vez que a Casa da Acollida (ambos están no mesmo inmoble), tal como se comprometera".

Realizáronse obras na cuberta e na cornixa, colocouse o canlón, pintouse tanto o exterior como o interior do local, reparouse a tarima e colocáronse os espellos. O importe total da obra alcanzou os 27.421 euros.

Arranxo de 74 ordenadores
Por outra parte, Francisco Noya referiuse ao arranxo, actualización e compra de ordenadores na Rede de Centros Socioculturais, que supuxo un investimento de 19.991 euros. Indicou que "nos 46 locais, incluída a Casa das Asociacións, hai 363 ordenadores a disposición de todos os veciños e para a realización de cursos de informática. A antigüidade da moitos deles (sistema operativo, memoria...) fixo que quedaran obsoletos para a esixencias actuais".

Por este motivo, atendendo a unha demanda reiterada de barrios e parroquias, que vían dificultado o acceso ás novas tecnoloxías, "fóronse amañando pouco a pouco algúns e mercando outros na medida en que o orzamento o permitía, e dotouse de redes wifi a case todos os centros socioculturais", explicou o edil, quen cre que esta necesidade queda así cuberta para un longo tempo.

O concelleiro enumerou tamén outras obras de menor importe que se realizaron no mes de decembro en varios centros socioculturais:

- Substitución da caldeira da calefacción do CSC das Brañas de Andrés, por importe de 2.000 euros.

- Colocación de tarima de teca no CSC de Grixoa, por 2.070 euros.

- Limpeza da fachada do CSC das Fontiñas, por 3.960 euros,

- Substitución e colocación dun novo canlón no CSC de Amio, por 4.005 euros.

- Substitución e colocación dun novo canlón no CSC da Gracia, por 6.623 euros.

- Instalación da alarma no CSC de Santa Marta, por 1.812 euros.

Compartir: