URBANISMO

Urbanismo incorpora á Carpeta Cidadá os procedementos de comunicación de obras menores e de fin de obra

07/01/2013 A Concellería de Urbanismo continúa incorporando novos servizos co fin de facilitar o acceso dos cidadáns aos procedementos urbanísticos e de axilizar os trámites nesta materia. Así, segundo anunciou a titular do Departamento, María Pardo, a Carpeta Cidadá incluirá dous novos servizos: a comunicación de determinadas obras menores e a comunicación de finalización de obra.

Os cidadáns poderán comunicar determinadas obras menores, isto é, as máis sinxelas e en solo urbano consolidado. Quedan excluídas aquelas que afecten a bens integrantes do patrimonio cultural ou arqueolóxico, nomeadamente na Cidade Histórica, en edificios catalogados, nos Camiños de Santiago ou no chamado perímetro azul.

Previamente, o comunicante deberá autoliquidar e pagar as taxas e o ICIO. Poderá facelo tamén a través da web municipal, utilizando a opción do pago en liña ou da propia Carpeta Cidadá, mediante a pasarela de pagos Red.es.

A comunicación permite o inicio inmediato das obras, sen ter que agardar a que o Concello outorgue unha licenza. O Concello poderá comprobar a veracidade dos datos e o axuste das obras á legalidade e, de ser o caso, abrir un expediente para repoñer esta. De precisar ocupar a vía pública para as obras, o cidadán deberá solicitalo ao Departamento de Tráfico.

Remate de obra e silencio positivo
O outro trámite que agora se converte tamén en telemático é o da comunicación de fin de obra por parte daqueles que obtiveran unha licenza de actividade. Deste xeito, poderán indicar o remate das obras e solicitar que os técnicos municipais inspeccionen o establecemento para que a actividade poida comezar.

Outra novidade deste procedemento é que, se no prazo dun mes, o Concello non ten realizada a correspondente inspección, o comunicante pode iniciar a actividade, sen prexuízo de que deba aterse, en todo caso, ás prescricións da licenza de instalación outorgada no seu momento. No caso de incumprimento destas, os servizos municipais poderán abrir un expediente de resposición da legalidade.

Máis trámites en breve
Estes son os dous primeiros servizos cos que contará Urbanismo na Carpeta Cidadá, pero a intención da Concellería é incorporar en breve novos procedementos. Os seguintes –indicou María Pardo- serán as comunicacións e declaracións de actividades comerciais e de obras de acondicionamento de locais.

Para acceder á Carpeta Cidadá, o usuario debe dispor de DNI electrónico ou dun certificado dixital. En caso de non ter ningún destes, o cidadán debe obter un PIN (nome de usuario e contrasinal) na Oficina de Atención ao Cidadán, achegando, de forma presencial, orixinal e unha fotocopia do DNI.

Comisión das Cidades Patrimonio
Noutra orde de cousas, a concelleira deu conta da reunión, o venres 4 de xaneiro, da Comisión Informativa de Patrimonio e Cidades do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Nesta xuntanza acordouse a constitución de catro grupos de traballos, formados por técnicos das cidades, que versarán sobre as seguintes temáticas: incendios, seguridades e emerxencias; accesibilidade e mobilidade; medio ambiente e sustentabilidade; e patrimonio e urbanismo.

Nesta Comisión tamén se acordou a celebración en Santiago, nunha data aínda por decidir, dunha xornada sobre boas prácticas en materia de arqueoloxía.

Documentos relacionados



Compartir: