MEDIO RURAL

A reposición dos máis de 38.000 metros de cableado roubados en 2012 supuxo para o Concello un gasto de 150.000 euros

04/01/2013 O concelleiro de Medio Rural, Alumeado Público e Abastecemento e Saneamento, Luis Bello, expresou en rolda de prensa a súa preocupación polo crecente número de roubos de cableado do alumeado público. Así, ao longo de 2012 foron subtraídos 38.295 metros de cable de cobre en 56 instalacións municipais, que xeraron un custo de reposición de 150.287 euros e se traduciron en 17 denuncias.

Luis Bello indicou que dende marzo de 2011 se vén producindo un crecemento significativo deste tipo de roubos, de xeito que xa no devandito exercicio se subtraeran 21.280 metros de cable, cun valor de 71.649 euros. O edil lamentou o alto custo que para as arcas municipais ten esta reposición de cableado e solicitou a colaboración cidadá para que as forzas policiais poidan atrapar os culpables.

Os roubos están producíndose en zonas rurais e urbanas e tanto en tendidos aéreos como subterráneos. Así, as parroquias máis afectadas na zona rural son San Xoán de Fecha, Santa Cristina de Fecha, A Peregrina, Laraño, Figueiras e Villestro, nas que os ladróns, para subtraer o cableado aéreo, soben aos postes de formigón e cortan o cable de cobre.

Na zona urbana, as principais áreas afectadas son Paxonal (Tras Paxonal e Monte do Seixo), Fontiñas (miradoiro), Galeras (Carme de Abaixo, Fonte do Ouro, Casa de Europa, Monte Pío e Morón), San Lázaro (parque das Cancelas e arredores), Vite (Carlos Maside e Domingo Andrade), Belvís, San Lourenzo, Almáciga (parque), Cornes, rúa das Mulas, estrada de Lavacolla (onde se roubaron 2.000 metros de cable), As Cancelas (4.800 metros subtraídos) e O Avío (3.000 metros roubados).

Reincidencia
O concelleiro denunciou a reincidencia que se produce en moitos dos casos nos mesmos lugares. Así, no rural, referiuse especialmente a San Xoán de Fecha (Roán e Vilas), con 2.875 metros de fío de cobre subtraídos e seis denuncias presentadas, e Santa Cristina de Fecha, con 1.690 metros roubados e catro denuncias. En canto á zona urbana – os roubos prodúcense fundamentalmente nos barrios periféricos- destacou os casos de Carme de Abaixo (2.525 metros e catro denuncias), miradoiro de Fontiñas (3.823 metros e dúas denuncias), O Avío (3.200 metros e catro denuncias) e As Cancelas (4.800 metros e unha denuncia).

"O servizo de mantemento do alumeado público intentou poñer máis difícil o acceso ás arquetas, procedendo a soldalas, pero lonxe de disuadir os ladróns, estes agora, ademais de roubar o cable, esnaquizan as arquetas e as portas dos farois", apuntou Luis Bello. Sobre este tipo de roubos, explicou que os que os realizan "saben o que están facendo", porque só rouban o cabreado do alumeado público, non o do servizo aos fogares, xa que isto xeraría "chamadas e denuncias inmediatas". Tamén indicou que estas subtraccións se realizan incluso polo día.

Neste sentido, falou da dificultade para evitar estes roubos, pola extensión do municipio e pola necesidade de detectar estes roubos xusto no momento de producirse. Ademais, lamentou a existencia dun mercado negro de venda deste cobre que ningunha medida lexislativa conseguiu polo momento evitar.

Petición de colaboración cidadá
Por todo isto, o concelleiro solicitou a colaboración cidadá. "Se calquera veciño ve indicios de que se poida estar roubando este cableado, que é patrimonio de todos os composteláns, pídolle que se poña en contacto coa Policía Nacional (091) ou coa Policía Municipal (092) para denunciar os feitos", indicou.

Compartir: