CULTURA

Cancións galegas de Antonio Fernández-Cid para clausurar a XII edición do Todo Lírica

03/01/2013 A XII edición do ciclo Todo Lírica clausúrase o venres 4 de xaneiro co concerto As cancións galegas dedicadas a Antonio Fernández-Cid, no que os alumnos da Escola Superior de Canto de Madrid estarán acompañados dos pianistas Borja Mariño e Carmen Fernández Cabrera. As entradas poden mercarse na billeteira do Principal ou en Novagaliciabanco a 8 euros.

A Escola Superior de Canto de Madrid (ESCM) creada en 1970 polo Ministerio de Educación. A ESCM é un centro de alta especialización na formación de cantantes líricos, único no panorama da educación musical, e sostido totalmente con fondos públicos. Os seus alumnos cursan os estudos superiores de canto dentro do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) equivalentes a todos os efectos aos Graos Universitarios. Ao finalizar estes, os alumnos egresados están en disposición de acceder aos estudos de postgrao (Máster en Ensinanzas Artísticas, Máster Universitario e finalmente Doutorado).

As ensinanzas que se imparten están deseñadas para proporcionar aos futuros cantantes todas as ferramentas necesarias para desenvolver a súa futura carreira profesional tanto no mundo da interpretación da ópera, zarzuela, oratorio ou canción de concerto coma no da docencia.

Este concerto é un exemplo das actividades desenvolvidas na ESCM e no que, baixo a dirección dos profesores Carmen Fernández- Cabrera e Borja Mariño, alumnos de diferentes profesores de canto e repertorio vocal se uniu para interpretar esta colección de cancións con textos de poetas galegos que os máis importantes compositores españois do momento dedicaron a Antonio Fernández Cid.

Compartir: