COMERCIO

Entregados os premios aos gañadores do II Concurso de Beléns e Ambientación de Nadal

02/01/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu o acto de entrega dos premios aos gañadores do II Concurso de Beléns e Ambientación de Nadal 2012, celebrado no salón vermello de Raxoi. Manuel Carballeira Vieiro foi o gañador na categoría individual do Concurso de Beléns, mentres que o Departamento de Centros Socioculturais levou o premio na modalidade colectiva. No Concurso de Ambientación de Nadal resultaron triunfadores Equisol Comercio Xusto (comercios) e Café Casino (hostalería).

O Concurso de Beléns tivo como primeiro clasificado na súa categoría individual a Manuel Carballeira Vieiro. Segundos e terceiros quedaron, respectivamente, a familia Cano Aguilar e Rogelio Pérez Sanda. A esta categoría podía presentarse calquera persoa física que figurara inscrita no padrón municipal. Para eles foron os vales de compra de 150, 120 e 60 euros no Centro Comercial Compostela, así como a mención especial deseñada para a ocasión co nome de "Compostrela".

Na categoría colectiva do Concurso de Beléns podían participar e inscribirse os colexios e todo tipo de asociacións, institucións e entidades cidadáns. Finalmente, o xurado elixiu como primeiro clasificado o Belén colectivo do Departamento de Centros Socioculturais, que pode verse na entrada do Pazo de Raxoi. En segundo lugar quedou o Centro Sociocultural das Fontiñas e, en terceiro, a Asociación Xuvenil Colexiata de Sar. Os premios tamén foron vales de compras de 150, 120 e 60 euros, e as mencións de "Compostrela".

A principal novidade desta segunda edición atopábase no Concurso de Ambientación de Nadal, que este ano contou tamén con dúas categorías: unha para establecementos de hostalería, que xa estaba en 2011, e outra para comercios, que podían participar este ano por primeira vez. Tamén aquí se premiaron os tres primeiros clasificados, neste caso cunha mención de "Compostrela" e con campañas de comunicación en medios locais.

Na modalidade de establecementos de hostalería, os tres primeiros clasificados foron, por esta orde, Café Casino, Carrís Hoteis e Tryp Santiago. En canto aos comercios, o xurado elixiu como primeiro, segundo e terceiro clasificados a Equisol Comercio Xusto, Como Pez en el Agua e Flores Pepita.

O xurado estivo composto por representantes do Concello e de distintas asociacións da cidade e polo belenista de Conxo, Francisco Otero.

Documentos relacionados



Compartir: