FESTAS

Os Reis Magos chegarán a Santiago cargados de agasallos e de caramelos

02/01/2013 O concelleiro de Festas e carteiro real, Francisco Noya, deu os detalles da chegada dos Reis Magos a Santiago de Compostela na tarde do sábado de xaneiro. As Súas Maxestades chegarán unha vez máis en tren para percorrer as rúas de Compostela na tradicional Cabalgata. Repartirán 3.500 quilos de caramelos sen glute e atenderán a todos os nenos e nenas.

Os Reis Magos chegarán ás 17:35 horas á estación do tren, onde serán recibidos polo carteiro real e pola Banda Municipal. Ás 18:00 horas iniciarase a Cabalgata, que seguirá o percorrido habitual: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez, Praterías e praza do Obradoiro.

A Banda de Cornetas e Tambores de Santiago anunciará a chegada das carrozas. Xunto ás carrozas dos Reis Magos percorrerán as rúas a carroza da estrela real de Oriente, a do castelo e a do carteiro real. As comitivas de Melchor, Gaspar e Baltasar estarán encabezadas por escuadróns de cabalos e rodeadas de heraldos. En total, haberá máis de 100 figurantes, aos que se unirán tamén uns 120 nenos e nenas máis que irán a bordo de dous trens.

As Súas Maxestades chegarán en torno ás 19:00 horas á praza do Obradoiro. Alí serán recibidas polo alcalde, Ángel Currás, e a Corporación. Dende os balcóns de Raxoi, saudarán os rapaces, para logo recibilos, un a un, no salón vermello.

Mentres agardan para formularlle as súas peticións aos Reis Magos, os nenos e nenas poderán disfrutar do espectáculo de Mamá Cabra Xa me tardan estes Magos.

Francisco Noya lembrou que este ano se repartirán 3.500 quilos de caramelos sen glute. O orzamento para esta Cabalgata de Reis son 53.245 euros. Neste sentido, o concelleiro indicou que é un 8% inferior ao da anterior edición, sumada a rebaixa do 5% e a repercusión da suba do IVE.

A previsión meteorolóxica é favorable para esta xornada, o cal agradeceu o edil, xa que permitirá que se reflicta en todo o seu esplendor unha montaxe que, dixo, require moito traballo.

Compartir: