TURISMO

O concurso Compostela Curtocircuíto consolida a súa dimensión internacional

19/05/2006 O concurso de curtametraxes Compostela Curtocircuíto, encadrado na Sección Oficial do III Festival Internacional Curtocircuíto’06, atópase a medio camiño do remate do prazo de presentación de curtas. Ata o momento están sendo moitos os novos creadores que se animan a presentar curtas a esta convocatoria, provenientes de diversos países e continentes. Este feito indica a consolidación deste festival coma un referente internacional no que ao eido das curtametraxes se refire. O prazo remata o 30 de xuño.

Palestina, México, Australia, Corea do Sur, EE.UU., Suíza, Francia ou o Reino Unido, e distintas comunidades autónomas de España, son algunhas das orixes das que proceden as curtametraxes que están chegando á oficina da Rúa do Vilar en Santiago, sé da Santiago de Compostela Film Comission. Este concurso, encadrado na Sección Oficial do Festival, ten catro categorías ás que se poden presentar os traballos: ficción, animación, videocreación e documental.

Nesta área do Festival Internacional Curtocircuíto’06 poden participar os autores individuais ou colectivos que non teñan dirixido máis de cinco curtametraxes nin longametraxes, independentemente da súa residencia ou nacionalidade. Cada curta non pode exceder dos 25 minutos, e debe ter sido estreada despois do 15 de xullo do pasado ano 2005, un prazo susceptible de ampliación ao 15 de xullo dependendo da concorrencia de traballos presentados.

As curtas serán difundidas en DVD e tódolos autores das curtas que participen tamén teñen a opción de concorrer con elas ao Mercado Internacional. Cada un dos premios de cada unha das catro categorías establecidas, é de 3.000 euros, ademais do trofeo.

As curtametraxes que se proxecten nas rúas de Compostela, serán escollidas entre os traballos chegados a Curtocircuíto e entre curtas galegas, españolas e internacionais escollidas pola organización. Estas optarán ademais ó Premio do Público, que está dotado con 1.500 euros e o trofeo.

Compostela Plató

Por outra parte, as autoras do guión seleccionado na outra actividade da Sección Oficial, o Compostela Plató, chegarán a Santiago a finais de maio. Estíbaliz Burgaleta e Alegría Collantes, de Madrid, rodarán a súa curta seleccionada, "Bechos raros", en distintos lugares de Santiago de Compostela. Antes de comezar a rodaxe nas primeiras semanas de xuño, deberán elaborar o guión definitivo e a levar a cabo a preprodución da curta, que logo, o 21 de outubro, será estreado a nivel internacional, coincidindo coa Gala de Clausura do III Festival Internacional Curtocirtuíto’06.

Compartir: