CULTURA

Tres propostas de teatro para bebés na Zona C dentro da programación cultural do Nadal

26/12/2012 Dentro da programa cultural para este Nadal, dende o Departamento de Cultura organizouse un ciclo especial de teatro para bebés. Nel, Caramuxo Teatro presenta Glub, glub o mércores 2; Zapatos o xoves 3 e Ñam! o venres 4 de xaneiro, na Zona "C". O prezo para cada evento será de 5 euros, cun abono familiar de 4 entradas a 15 euros. Ademais, pode adquirirse un abono individual para os 3 espectáculo por 12 euros ou as 4 entradas para todos os espectáculos por un custe total de 45 euros. As entradas poden mercarse na billeteira do Teatro Principal ou na Zona "C" os días de evento.

Con Glub, glub, Caramuxo teatro presenta o primeiro espectáculo de teatro para bebés realizado en Galicia. Unha montaxe para nenos de 6 meses a 3 anos acompañados por adultos. Glub, glub conta a historia da amizade entre un barquiño de papel afundido no fondo do mar e un peixe xoguetón. Unha montaxe chea de estímulos e cunha linguaxe sinxela, case xestual que introduce aos máis novos nunha aventura fantástica e sorprendente. Unha oportunidade para disfrutar cos fillos da primeira viaxe polo mundo do teatro.

¿Que pasa con todos eses zapatos que xa ninguén usa? Todos os días chegan a un recuncho dun agochado xardín fantásticas historias, as vivencias que traen consigo unha morea de zapatos de tódolos tamaños e cores. Unha rapaza é a encargada de coidalos, de darlles a benvida ao lugar onde vivirán para sempre, un lugar onde poder compartir emocións con esa bela bailarina, con Pequecho e os seus irmáns, cos namorados, co Sol e a Nube, con centos de compañeiros que teñen moito que contarnos. Zapatos narra todas esas historias que levan dentro os zapatos que xa non teñen dono.

Comer é un pracer, mais antes hai que cociñar e escoller os mellores produtos: Porque as mazás poden ser verdes ou vermellas, as galletas grandes ou pequenas, os tomates da casa ou chegar do outro lado do mundo. ¡A min encántame o doce! ¡Pois eu prefiro o salgado! Ñam é un espectáculo envolvente creado a partir do mundo da cociña para ver, escoitar, ulir, sentir e saborear en familia. Polas características do espectáculo público e actores comparten o mesmo escenario.

Compartir: