MEDIO RURAL

Máis de 600.000 euros para as necesidades máis urxentes das parroquias do rural

26/12/2012 O concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, deu conta das obras contempladas no Plan de Obras e Servizos (POS 2013). Serán dez obras a executar durante os exercicios 2013 e 2014, cun investimento total de 587.630 euros, dos que 554.792 son achegados polo organismo provincial e 32.838 polo Concello.

Luis Bello lembrou que todas estas obras son froito das demandas das asociacións veciñais e do análise de necesidades feito polo seu Departamento no ámbito rural, co obxectivo tamén de chegar "ao maior número de parroquias". As actuacións consistirán fundamentalmente en ampliacións das redes de abastecemento e saneamento e na mellora e acondicionamento de vieiros. Neste último tipo de obras, na maioría dos casos realizarase un levantamento do pavimento e a substitución por outro, aplicando dúas capas de asfaltado.

A relación de obras é a seguinte:

- Mellora e acondicionamento de vieiros na parroquia de Sabugueira, 104.154 euros.
- Mellora e acondicionamento de vieiro no Castro de Bando, 40.738 euros.
- Mellora e acondicionamento de vieiros nas parroquias de Cesar, Berdía, A Barciela e San Caetano, 50.019 euros.
- Mellora e acondicionamento de vieiro no Eixo, 35.471 euros.
- Mellora e acondicionamento de vieiros na parroquia de Bando, 43.831 euros.
- Mellora e acondicionamento de vieiros na parroquia de Marantes, 58.531 euros.
- Mellora e acondicionamento de vieiro en Frades (A Barciela), 48.079 euros.
- Ampliación da rede de abastecemento e saneamento no lugar de Lavacolla (Sabugueira), 66.902 euros.
- Ampliación da rede de saneamento no lugar da Silvouta, 33.353 euros.
- Ampliación da rede de saneamento no lugar de Sarela de Arriba (A Peregrina), 106.554 euros.

De entre todas estas obras, o concelleiro destacou pola súa dimensión e investimento as realizar nas parroquias da Sabugueira e A Peregrina. Na primeira, acometerase a mellora dun bo número de vieiros, moi deteriorados. No segundo caso, a obra consistirá fundamentalmente a construción dunha estación de bombeo para o lugar de Sarela de Arriba, que complemente a outra actuación de saneamento realizada pola Deputación e permita así a algúns veciños solicitar as licenzas que teñen paralizadas por non dispor deste servizo de saneamento.

Ademais desta obras, se as baixas nas contratacións o permitisen, realizaríase outra na pista que une Son de Abaixo (A Gracia) con Bargo (A Peregrina), que tería un orzamento de 40.964 euros. O asfaltado deste vieiro permitiría reducir en 4 quilómetros as comunicacións entre estas dúas parroquias.

POS 2012
Respecto do POS 2012, Luis Bello apuntou que o mal tempo obrigou a retardar as obras, de tal xeito que a maioría de actuacións se executarán ao longo de 2013. Tamén as inclemencias meteorolóxicas fixeron que se tiveran que pospor diversas obras de rebacheo e reforzo de firme.

Documentos relacionados



Compartir: