INFRAESTRUTURAS

As actuacións para a mellora da mobilidade na Almáciga comezarán no verán de 2013

21/12/2012 A concelleira de Obras, Infraestruturas e Medio Ambiente, María Castelao, presentou os estudos previos do proxecto de mellora da mobilidade no barrio da Almáciga, que xa foran amosados ás asociacións veciñais do barrio na xornada anterior. Incluído no proxecto Urbana Santiago Norte, este proxecto inclúe importantes actuacións en áreas como as rúas Basquiños, Pastoriza, Caramoniña e Escultor Asorey ou a creación dun corredor verde.

Segundo explicou María Castelao, estes estudos previos permitiron trazar unha diagnose, na que se marcan as posibilidades e potencialidades do barrio para mellorar a súa mobilidade. A partir delas, os veciños poderán realizar as súas suxestións, se ben lembrou a concelleira que as propostas iniciais xa recollen as demandas formuladas polos habitantes desta zona da cidade. Neste sentido, lembrou que o actual Goberno municipal optou por unha actuación integral, fronte ao proxecto anterior de instalar un ascensor que conectara a Almáciga coa área da estación de autobuses.

Tras estes estudos, a previsión é que o proxecto poida estar redactado na primavera, co obxectivo de que as obras comecen durante o verán de 2013. O investimento total nesta actuación superará os 1,5 millóns de euros.

Caramoniña e Escultor Asorey
As actuacións teñen como obxectivo xeral a supresión das barreiras arquitectónicas e a mellora da mobilidade no barrio, recuperando os valores ambientais da zona e os seus usos públicos. Así, unha das intervencións máis significativas terá lugar na rúa da Caramoniña, comprendida entre as rúas Valle-Inclán e Escultor Asorey, caracterizada polo seu deteriorado pavimento, pola súa estreiteza e por non contar con saída nun dos seus extremos. A mellora da pavimentación ou a reorganización (ou eliminación) do estacionamento nesta rúa serán algunhas das obras a realizar.

Ademais, o ámbito de actuación estenderase á parcela lindeira, un espazo libre detrás da rúa e conectado con Bonaval, cuxo recente desbroce revelou a súa potencialidade dende o punto de vista medioambiental, de conectividade e mesmo como miradoiro.

Na rúa do Escultor Asorey vaise intervir para mellorar as condicións de accesibilidade, traballando para paliar na medida do posible os grandes desniveis (con pendentes de máis dun 18% nalgún tramo). Ademais, segundo indicou a concelleira, trátase dunha rúa que, malia o seu reducido tráfico, está máis concibido para a circulación de vehículos que para os peóns.

As obras centraranse na mellora da accesibilidade peonil e das condicións de acceso ás vivendas, en mellorar pavimentación e mobiliario e en facilitar a conexión co espazo libre da Caramoniña, conferindo á rúa un "carácter máis estancial". Tamén será preciso substituír as redes de saneamento e abastecemento. Investiranse 602.000 euros nas obras nestas dúas rúas.

Basquiños
Tamén se vai actuar na zona dos Basquiños (rúa de Pastoriza e dos Basquiños), traballando sobre unha distancia lineal de 500 metros cadrados e unha superficie de 7.000 metros cadrados. As intervencións dividiranse en dúas áreas, unha entre a praza da Paz e a travesía dos Basquiños, incluíndo aquí a travesía de Pastoriza, e outra no resto da rúa ata Santa Clara.

Esta zona ten problemas diversos, como a pavimentación heteroxénea, os diferentes niveis de calzada e beirarrúa nalgúns tramos ou os obstáculos diversos para os peóns. Intentarán corrixirse todos estes aspectos e tamén será preciso substituír, na medida orzamentaria, a rede de saneamento.

Unha intervención significativa será que a se realice no entorno da travesía da Pastoriza, entre a rúa da Pastoriza e a rúa de Teo. Os traballos para mitigar as fortes pendentes permitirán que o transporte público poida acceder a esta parte da cidade. Asegurarase un tratamento axeitado no entorno da igrexa da Pastoriza. Nestas obras en Basquiños estímase un orzamento de 698.000 euros.

Corredor verde
Finalmente, a concelleira referiuse ao corredor verde que unirá o parque de Bonaval co parque da Almáciga. Neste caso ampliouse o ámbito de actuación, sumando á parte traseira do Colexio Santiago Apóstolo a dianteira. Melloraranse as condicións paisaxísticas e tamén as conexións peonís entre esta zona e a da estación de autobuses e edificios administrativos da Xunta. O orzamento previsto é de 254.982 euros.

Estas actuacións forman parte do Programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: