ALCALDÍA

Antoni Ros Marbà despídese da Real Filharmonía de Galicia despois de 12 anos como director titular

20/12/2012 Un dos mellores directores de orquestra de Europa, o mestre Antoni Ros Marbà, subirá ao escenario este xoves, ás 21:00 horas, no que será o seu último concerto como director titular da Real Filharmonía de Galicia. Horas antes desta última entrega no Auditorio de Galicia, foi recibido en Raxoi polo alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás.

Ros Marbà pon fin así a un ciclo de 12 anos no que achegou á orquestra galega unha gran personalidade e un novo enfoque, tarefa pola que conseguiu numerosas ovacións. A pesar da despedida, dada a excelente relación mantida en todas estas tempadas coa RFG, o director de L´Hospitalet seguirá ligado á orquestra galega, levando a batuta nalgúns concertos en cada tempada.

A partir de xaneiro, o ata agora director principal invitado, o inglés Paul Daniel, relevará no posto a Ros Marbà durante polo menos dous anos. Actualmente ocupa tamén o cargo de director principal e conselleiro artístico na Orquestra Sinfónica West Australian.

No concerto deste xoves, 20 de decembro, o mestre Ros Marbà poñerase á fronte da RFG para interpretar a Sinfonía núm.1 de Johannes Brahms, unha das máis grandes e belas obras do compositor alemán. Director e orquestra tamén tocarán a Abertura de Semiramide, de Rossini, e Divertimento, do galego Juan Durán. Este mesmo concerto soou na xornada anterior no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo.

Antoni Ros Marbà
Nace en L´Hospitalet de Llobregat e estuda dirección de orquestra con Eduard Toldrá, Sergiu Celibidache e Jean Martinon. Ademais de estar á fronte da RFG, o mestre Ros Marbà é director titular da Cátedra da orquestra Freixenet da Escola Superior de Música Raíña Sofía. Foi o primeiro director titular da Orquestra Sinfónica de RTVE cando foi creada creada en 1966.

Foi invitado por Karajan para debutar en Berlín xunto á Orquestra Filharmónica en 1978, antes de ser nomeado director titular da Orquestra de Cámara Holandesa. Ros Marbà dirixiu ás orquestras máis importantes de Francia, Inglaterra, Suíza, Italia, Alemaña e Escandinavia e foi invitado polos principais centros musicais de América e Xapón.

Dirixiu as estreas das óperas Divinas Palabras, de García Abril, e The Duenna, de Gerhard, así como as primeiras gravacións mundiais desta última e de La Dolores, de Bretón.

O Ministerio de Cultura outorgoulle o Premio Nacional de Música e a Generalitat de Cataluña a Creu de Sant Jordi. En 2009, Warner Classics e Claves, editaban dous CDS do mestre dirixindo a RFG, dedicados a Mompou e Falla, que obtiveron unha extraordinaria acollida por parte da crítica.

Documentos relacionados



Compartir: