XUVENTUDE

Os sete finalistas de MúsicaXove 2012, en directo no concerto final do certame

19/12/2012 O MúsicaXove’12, certame organizado pola Concellaría de Xuventude, chega ao seu concerto final. O xoves 20 de decembro, a partir das 21:00 horas, na Sala Capitol, os sete finalistas tocarán obrigatoriamente en directo os dous temas presentados na maqueta e dous temas a maiores de elección libre.

A concelleira Amelia González, en ausencia do concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, xunto co técnico do Departamento Manuel Fernández, presentaron este concerto final. Nesta edición, os sete elixidos saíron de entre as 45 propostas iniciais de toda Galicia: 27 bandas de pop-rock, 8 de metal e 10 doutras músicas.

Na categoría de pop-rock, o xurado elixiu tres finalistas: Los Septiembre (Vigo), All Less One (Pontevedra) e Alex Casanova (Vilagarcía). Os dous grupos seleccionados na modalidade de metal foron Anterga (A Coruña) e Oceans Garden (Lugo), mentres que os finalistas na categoría doutras músicas foron Tuti Fress (Santiago) e Caxade (Ames).

Entre os requisitos máis importantes para poder participar nesta quinta edición de MúsicaXove destacan o non ter editado ningún disco, agás os autoeditados, nin contrato con algunha discográfica. En canto ao xurado, está composto polo concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, en calidade de presidente; o locutor dos 40 Principais Gabi Davila; o xerente da Sala Capitol, Antonio García Borrazás; o promotor musical Martín Calviño; o promotor musical Farruco Castromán, o músico é técnico responsable dos Locais Municipais de Música para a Xuventude de Compostela, Jesús Magaña; e como secretario o xefe do Departamento de Xuventude, Enrique Vázquez.

Este mesmo xurado, encargado de dar o veredicto o día do concerto final, escoitou previamente as maquetas, para seleccionar a dous participantes por modalidade, agás na modalidade de pop-rock na que se decidiu polo número de grupos e pola súa calidade que pasaran tres á fase final de actuación en directo.

Haberá premios de 1.000 euros para os primeiros clasificados en cada unha das modalidades, e de 300 euros para os segundos. Tamén haberá un premio de 250 euros outorgado polo público que asista a este concerto. Os galardoados tamén terán a ocasión de editar un disco compacto conxunto.

Compartir: