CULTURA

Catro variadas propostas musicais nunha nova edición do ciclo Todo Lírica

17/12/2012 O ciclo Todo Lírica chega este ano a súa XII edición con catro propostas musicais que poderemos escoita no Teatro Principal. Inauguran o ciclo o barítono David Menéndez e o pianista Rubén Fernández Aguirre cun programa de Cancións de Gounod e Guastavino/Romanzas de zarzuela o venres 28; e o domingo 30 poderemos escoitar o programa Cancións de cine, de Broadway a Hollywood coa mezzosoprano Mireia Pintó e o pianista Manel Camp.

O 3 de xaneiro a cita será coa soprano María Rey-Joly e Borja Mariño ao piano no programa Un inverno de contrastes: I love/hate music e pechan o ciclo o xoves 4 de xaneiro os Alumnos da Escola Superior de Canto de Madrid xunto aos pianistas Borja Mariño e Carmen Fernández Cabrera con As cancións galegas dedicadas a Antonio Fernández-Cid. As entradas para os concertos, que serán todos ás 20:30 horas, están á venda en Novagaliciabanco e na billeteira do Teatro Principal a 8 euros cada concerto; podendo adquirir un abono para os 4 por 20 euros.

Doce anos de Todo Lírica
No seu nacemento como Festival de Zarzuela no ano 2000, esta ciclo achegaba a zarzuela a Compostela no tempo do Nadal da man dos artistas de máis renome do xénero. Organizado polo Concello de Santiago e a Asociación Galega da Lírica, este certame, que mudaría de nome converténdose en Todo Lírica anos despois, foise abrindo a outros xéneros musicais de carácter popular, como o tango, a opereta, o jazz, o musical, etc., coa intención de ofrecer unha oferta musical ampla e lúdica para toda a familia na época do Nadal.

Polo escenario do Teatro Principal, sede de Todo Lírica, teñen pasado cantantes de renome como Carlos Álvarez, Vivica Genaux, Manuela Custer, Ana María Sánchez, Manuel Lanza, Isabel Rey, José Manuel Zapata, Martín Oro, Ismael Jordi, José Antonio López, Isabel Monar, Simón Orfila, Lola Casariego, Elena de la Merced, etc.

Documentos relacionados



Compartir: