CULTURA

Sergio Tannus estrea o seu novo disco, "Son Brasilego", dentro do ciclo Sons 2012

17/12/2012 Sergio Tannus presenta o seu novo traballo, Son Brasilego, dentro do ciclo Sons 2012 nun concerto no Teatro Principal, o martes 18, a partir das 21:00 horas. As entradas para este concerto poden mercarse na billeteira do propio teatro aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. O prezo das entradas é de 8 euros anticipada e 10 euros o propio día.

Con Tannus péchase a programación de Sons 2012, que se inauguraba en febreiro con The Gift e pola que pasaron The Idan Rachel Project, Leilía, Tortoise, Eliseo Parra, Mafalda Arnauth, Orquesta Voland, Sharon Corr e Banda Crebinsky. A comezos do vindeiro ano presentarase a programación de Sons 2013.

Sérgio Tannus é un dos máis completos artistas da safra brasileira. Virtuoso en instrumentos variados, como violões, guitarra, baixo, cavaquinho, bandolín e percusións, comezou a tocar dende cedo, cando tiña oito anos. Autodidacta, o músico foise perfeccionando na procura de novas sonoridades, aliadas ás influencias e estilos universais, sen entretanto, deixar de lado a súa brasilidade.

Cidadán do mundo, nacido en Itaperuna e morador da cidade de Niterói-RJ dende seus 7 anos, o artista vive dende 2006 en Santiago de Compostela, onde vén divulgando o seu traballo de multi-instrumentista e cantautor por varios países de Europa. No anterior proxecto e concerto instrumental, chamado Múltiplos caminhos (tamén nome do CD), el compuxo todas as cancións e os arranxos. Alí, Tannus probaba a súa diversidade musical e versatilidade, que o permitiu gravar todos os instrumentos e ritmos variados daquel CD.

Como resultado deste brillante traballo conseguiu unha gran repercusión en Europa, que o levou nos últimos anos a acompañar e gravar CDs de numerosos artistas como Uxía (con quen co-produciu Meu canto, gravado en Brasil), Aline Frazão, Malvela, Najla Shami, Banda das Crechas, Dulce Pontes, João Afonso, Fred Martins, etc. Ademais de co-producir ou colaborar en varios CDs infantís e actuar co seu trío en obras teatrais como "Ordem e Progresso" xunto a Carlos Blanco.

Tras numerosos traballos e colaboracións con outros artistas, para este 2012 proponnos o proxecto do seu novo disco, Son Brasilego, un proxecto de gran porte e numerosos colaboradores, onde estará apoiado como sempre pola formación base que conforma o seu trío. Acompañarase tamén en Son Brasilego de todos aqueles artistas galegos que o coñeceron e compartiron con el grandes momentos musicais en todos estes anos que leva vivindo en Galicia. Outros músicos portugueses, brasileiros, angolanos.... cos cales tamén ten compartido estes anos de traxectoria artística tamén estarán presentes neste traballo, constituíndose así nunha auténtica ponte musical entre os países da lusofonía, especialmente entre Galicia e Brasil.

Son Brasilego aposta polo intercambio, polo estreitamento do contacto cultural e persoal, pola fusión de ideas, polos ritmos e raíces comúns. Trae a marxe da música intuitiva á reflexión sobre a nosa identidade e irmandade, e sobre todo sobre o futuro da mesma a través da música e desa sonoridade atlántica que nos torna "brasilegos". Pero sobre todo é un agasallo, un agradecemento a todos aqueles músicos e persoas que fixeron posible o crecemento musical e artístico de Sergio Tannus neste lado do Atlántico.

Compartir: