TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade como destino de congresos en Madrid

17/12/2012 Turismo de Santiago estará esta semana en Madrid promocionando a cidade como destino de Congresos, Xornadas e Incentivos, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), o seu servizo para a promoción da cidade neste ámbito.

A axenda ata o día 21 de decembro inclúe máis de 25 reunións con profesionais de diferentes entidades vinculados coa toma de decisións respecto dos lugares onde se celebran este tipo de eventos. En concreto, haberá reunións con colexios médicos (que son un dos colectivos que máis reunións celebran na cidade), asociacións, organizadores de congresos, empresas...

Nestas accións comerciais presentarase toda a infraestrutura coa que conta a cidade para a celebración de calquera tipo de congreso, xornada ou viaxe de incentivos. Presentarase a planta hoteleira e de restauración, pero tamén os diferentes espazos que poden albergar encontros profesionais.

Esta acción en Madrid complementarase con outra visita comercial a Barcelona do SCCB, que terá lugar no mes de xaneiro. Con estas iniciativas, preténdese lembrar aos principais organizadores de congresos de España que nestes momentos de crise, nos que as empresas e as entidades están a reducir os seus orzamentos para este tipo de actividades, Santiago de Compostela é un destino ideal para realizar calquera tipo de evento profesional.

Aeroporto
Noutra orde, a concelleira de Turismo, Reyes Leis pronunciouse sobre as cifras do tráfico do aeroporto de Lavacolla, resaltando que "este 2012 vai ser a cuarta ocasión na que o aeroporto supere os 2.200.000 pasaxeiros". Estas cifras, dixo, "sitúanse en niveis semellantes aos de 2010", cualificando a situación de 2011, de case 2.500.000 pasaxeiros, de "excepcional" no contexto de crise xa existente entón.

Ante a caída do tráfico nacional, indicou que Turismo de Santiago seguirá insistindo especialmente na promoción do turismo internacional. Ademais, afirmou que se segue a traballar na busca de novas conexións aéreas en conversas con varias compañías. Finalmente, considerou desexable que AENA "entenda que cada aeroporto é un caso particular" e que poida establecer "excepcións" nas taxas para a axudar á captación de novas conexións.

Compartir: