ALCALDÍA

"Os coros galegos" e "Traxe de montañesa" gañan os Premios Antonio Fraguas

14/12/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu a entrega dos XVIII Premios Antonio Fraguas de investigación sobre o traxe galego, organizados pola Asociación do Traxe Galego en colaboración co Concello e co Centro Comercial Compostela. Nesta ocasión, os gañadores foron Félix Ángel Boullosa, con Os coros galegos (conservadores do traxe tradicional), na categoría de traballos analíticos, e José María Cebeiro e Xosé Francisco Noia, con Traxe de montañesa, na modalidade de traballos descritivos.

Os coros galegos (conservadores do traxe tradicional), de Félix Ángel Boullosa Curra, de Seixo (Marín-Pontevedra) fíxose co premio de 1.200 euros ao mellor traballo analítico. O xurado tivo en conta "a importancia dos testemuños fotográficos que forman un destacado corpus de documentación visual para coñecer a vestimenta usada polos coros galegos antes de 1937.

"A análise das fotografías, distinguindo os distintos compoñentes das variantes destas vestimentas manifesta un esforzo investigador que permite comparar as solucións adoptadas por estes conxuntos corais cos datos que sobre traxe masculino e feminino se coñecen nas distintas comarcas de Galicia", indícase na acta.

No traballo gañador dos 600 euros da categoría descritiva, Traxe de montañesa, de José María Cebeiro Fernández e Xosé Francisco Noia Souto, de Teo e Santiago, o xurado apreciou moi positivamente "o esforzo de recuperación e documentación precisa en canto a localización e familia depositaria do traxe, aínda que os documentos adxuntos non acrediten con precisión eses extremos". Ademais, felicita á familia posuidora dese traxe por telo conservado despois de máis dun século dende a súa confección.

O Premio Antonio Fraguas é o único certame de investigación sobre o traxe tradicional que existe en Galicia. Considéranse na modalidade de traballos descritivos aqueles que, recuperando traxes, especifican a materia con que están feitas as pezas, presentan patróns, medidas, onde se atoparon, onde están actualmente e de que época é cada unha das pezas analizadas, pero evitando elevar esas pezas ou eses traxes, sen máis documentación que a confirme e complemente, a categoría absoluta para unha terra ou unha época.

En cambio, estímanse traballos analíticos os que pescudan información sobre o traxe tradicional en: inventarios post-morten, na tradición oral, na iconografía (gravado, pintura, fotografía), na literatura, na lingüística e na fraseoloxía. Tamén se inclúen aquí os centrados na investigación sobre: as crenzas e valores relacionados co traxe, na influencia que na indumentaria tiveron os poderes relixiosos, económicos e políticos, e sobre os aspectos sociolóxicos relacionados coa indumentaria tradicional, como a dos artesáns da nosa indumentaria (zoqueiros, costureiras, etc). Na categoría analítica figuran tamén os traballos que documentan a feitura dun determinado traxe, non só amosando e catalogando as pezas que o compoñen, senón tamén investigando quen foi o autor ou autora do mesmo, que técnicas de elaboración foron empregadas na transformación das materias primas e tamén na tecedura, nos adobíos e nos enfeites das mesmas.

O Xurado desta edición do Premio estivo composto por Xosé Manuel González Reboredo, do Consello da Cultura Galega; Ana Blanco Amor, da Fundación Rosalía de Castro; e Xesús Ferro Ruibal, do Centro Ramón Piñeiro. Como cada ano, os integrantes da Asociación do Traxe Galego, encabezados pola súa presidenta, Rita Miramontes, acudiron ao acto ataviados co traxe tradicional.

Compartir: