EDUCACIÓN

Rodrigo Romaní e a Concellería de Educación achegan a arpa aos máis novos

11/12/2012 O venres 14 de decembro, ás 19:00 horas, terá lugar no Teatro Principal un concerto de Rodrigo Romaní co título As arpas de Breogán, dedicado ao son da arpa céltica. Este evento está organizado pola Concellería de Educación para promover a participación dos escolares da cidade, do profesorado e das familias interesadas en achegarse ao mundo da música. A entrada é de balde, previa retirada da mesma no despacho de billetes do Teatro: de martes a xoves, de 18:00 a 21:00 horas, e o mesmo venres de 18:00 a 19:00 horas.

Este concerto pretende amosar todas as posibilidades de interpretación da arpa no eido da música de Galicia e o folk contemporáneo. O empeño de Rodrigo Romaní pola difusión deste instrumento susténtase na facilidade que ten para enganchar co gusto do público, para transmitir sensacións, porque é un instrumento moi atávico, moi antigo e desencadea sentimentos que teñen que ver co máis profundo da alma.

A Concellería de Educación quere achegar os máis novos a este instrumento. Así, o artista noiés quixo, como continuación de colaboracións anteriores con este Concello, desenvolver un traballo didáctico que promova este instrumento entre os diferentes públicos de Compostela, cunha especial incidencia entre o profesorado e o alumnado da cidade. Con tal motivo, preparou un novo recurso didáctico arredor da arpa celta, en forma de unidade didáctica que recolle a orixe, a evolución da arpa, as clases de arpas ou as semellanzas con outros instrumentos, por citar algúns dos contidos que se recollen nesta documentación, que leva por título "Enredados nas cordas" e que se pon a disposición dos centros de ensino de Compostela. En próximas datas visitará a Escola Municipal de Música de Santiago para desenvolver diferentes sesións didácticas co alumnado deste centro, reforzando o programa pedagóxico da mesma.

Para este labor, a Concellería de Educación programou unhas sesións didácticas nas que Rodrigo Romaní manterá un contacto co alumnado e o profesorado interesado, nas que dar a coñecer estes materiais e favorecer o contacto dos máis novos co instrumento. Esta proposta musical incide na difusión da música tradicional e, a través dos materiais didácticos creados polo autor, poderán ser utilizados nos centros de ensino polo profesorado e polos escolares, especialmente os relacionados coa educación musical.

No concerto do Teatro Principal presentarase un traballo concibido para dúas arpas, voces, contrabaixo e percusións, onde tamén se utilizan ocarinas, guimbardas e elementos de ambientación electrónica.

Rodrigo Romaní
Rodrigo Romaní está considerado como o máis importante expoñentes da arpa celta na Península. Conta cunha amplísima discografía tanto en solitario como con outras formacións (Milladoiro, Lizgairo…). É tamén o responsable da expansión da arpa celta dende que en 1996 creara en Vigo a primeira aula estable de arpa céltica da península, actualmente integrada na Escola Municipal de Música Tradicional de Vigo. É tamén o principal responsable do nacemento de SonDeSeu, a primeira orquestra folk europea, onde dirixe, ademais da orquestra, a sección de arpas.

Documentos relacionados



Compartir: