BENESTAR SOCIAL

Loitando contra o estigma da enfermidade mental a través da arte

11/12/2012 Os concelleiros de Benestar Social, Paula Prado, e de Centros Socioculturais, Francisco Noya, asistiron á inauguración da exposición A enerxía da Asociación son os seus socios, realizada polos membros da Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos de Enfermos Mentais. Estará aberta na Fundación Granell ata o 15 de decembro.

A exposición está dedicada a todos os socios da Asociación, agradecendo a súa fidelidade e contribución á integración social e á loita contra o estigma. Esta mostra componse de obras realizadas en diferentes técnicas e formatos, dende o traballo con cerámica ou coiro á encadernación.

O obxectivo desta exposición é seguir mantendo o interese da cidadanía polo traballo que executan estas persoas e o labor levado a cabo pola Asociación a prol de lograr que este colectivo forme parte activa da sociedade. Tamén quere facer un chamamento á sociedade co fin de eliminar os impedimentos existentes para a necesaria integración social e laboral deste colectivo. É a sociedade a que fai que parezan diferentes. Para cambiar isto, está en mans de todos practicar a tolerancia e a comprensión, rompendo prexuizos e evitando a discriminación.

Compartir: