CULTURA

"Gharbo!" e "El montaplatos" pechan o ciclo Teatro&Danza 2012 no Principal

10/12/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou as dúas obras que quedan dentro do ciclo Teatro&Danza neste 2012: Gharbo!, o día 12, e El montaplatos, o 19. Na rolda tamén estiveron, para presentar Gahrbo!, Nelson Quinteiro, director escénico; Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero, músicos; Iván Villar, coreógrafo; e Mercedes Suárez, directora do Centro Coreográfico Galego.

O Centro Coreográfico Galego (CCG) coproduce na presente temporada escénica 2011-2012 o espectáculo titulado Gharbo! xunto á compañía de danza Contra2, que representa Nelson Quinteiro. A obra propón fundamentalmente unha fusión entre a música e a danza tradicional e novas formas musicais e de movemento máis experimentais, cun elenco no que destacan profesionais da música tradicional da altura de Suso Vaamonde, Xosé Lois Romero, Ricardo Rozas e Nelson Quinteiro, así coma bailaríns da traxectoria de Pastor Rodríguez Feal e Iván Villar.

Para a consideración deste proxecto, o Centro Coreográfico Galego valorou especialmente a súa calide e interese artístico, a traxectoria profesional e solvencia da compañía e dos artistas, e a achega ao desenvolvemento e á renovación das artes escénicas en Galicia.

O proxecto supón o reto de levar adiante un montaxe destas características sen máis apoio institucional que o asesoramento técnico e artístico, así como a cesión de músicos, técnicos e xastras da propia axencia. Unha nova formar de entender o sector cultural e a súa relación coas administracións públicas.

A obra representarase o mércores 12 de decembro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. As entradas, 8 e 5 euros, poden mercarse a través de entradas.novagaliciabanco.es ou no teléfono 902 434 443, e tamén no propio Teatro, de 18:00 a 21:00 horas.

El montaplatos
O ciclo Teatro&Danza 2012 péchase o mércores 19 de decembro coa representación de El montaplatos, de Harold Pinter. Trátase dun novo espectáculo de Animalario, dirixido por Andrés Lima e protagonizado por Guillermo Toledo e Jesús Barranco. Alberto San Juan asina a tradución e adaptación.

El montaplatos (orixinalmente titulada The drumb waiter, algo así como O camareiro parvo) está datada en 1959, e púxose en escena por primeira vez o 21 de xaneiro de 1960 no Hampstead Theatre Club. Neste texto, Pinter volve encerrar nunha habitación a dous seres humanos para falarnos da estúpida servidume que se xera nas relacións humanas.

A obra conta a historia de Ben e Gus, dous asasinos a soldo que permanecen encerrados na habitación lúgubre dun soto á espera das ordes da organización para a que traballan. Mentres, comezan a recibir absurdos encargos de comidas a través dun montacargas.

A representación terá lugar no Teatro Principal o mércores 19 de decembro, ás 21:00 horas. As entradas, a 15 e 10 euros, poden mercarse a través das mesmas canles que Gharbo!

Compartir: