CENTROS SOCIOCULTURAIS

Recuperado o proxecto de acondicionamento sociocultural da Casa de Brandía

10/12/2012 Nunha rolda de prensa conxunta, os concelleiros de Centros Socioculturais, Francisco Noya, e de Barrios, Juan de la Fuente, anunciaron a inminente contratación da obra de acondicionamento da Casa de Brandía (Vidán) como centro sociocultural. Esta actuación será sufragada pola Deputación da Coruña, que achegará 175.844 euros.

Francisco Noya agradeceu a Juan de la Fuente, veciño de Vidán, o empeño posto en recuperar os fondos provinciais para esta obras. Así mesmo, o edil de Barrios agradeceu á Deputación da Coruña a "comprensión e colaboración" para volver destinar ao acondicionamento da Casa de Brandía estes fondos, que foran devoltos polo anterior Goberno municipal á Deputación tras non executarse a obra prevista.

O Concello debeu elaborar un novo proxecto, que agora se volverá a sacar a concurso, cun prazo de execución de tres meses. Deste xeito, segundo explicou Francisco Noya, acondicionarase a totalidade do inmoble para uso sociocultural. Neste momento, só é utilizable a planta baixa, que vén sendo empregada pola asociación veciñal de Vidán para as súas actividades. Entre as actuacións previstas figura a colocación dun elevador.

Reparacións nos centros socioculturais
Por outra parte, o edil anunciou a realización de diversas obras de reparación nos centros socioculturais co comezo de 2013. O primeiro local no que se actuará será o de San Lourenzo, o cal considera que é "o que en peor estado está no concello".

Compartir: