COMERCIO

#nadalamos convida a composteláns e visitantes a gozar das festas na cidade

10/12/2012 O Concello de Santiago quere que os composteláns e os visitantes podan gozar das festas na cidade cun amplo programa de actividades, englobadas baixo o novo concepto #nadalamos. Non obstante, #nadalamos vai máis alá dun conxunto de actividades xa que pretende transmitir múltiples sensacións: ilusionar, felicitar, compartir, decorar, agasallar, degustar, cantar, sorprender, participar; en síntese, nadalar.

Para comunicar as actividades de #nadalamos, o Concello repartirá un folleto informativo que se poderá recoller nos centros socioculturais da cidade e na Oficina de Información Turística. Tamén se fará dinamización da rúa para dar a coñecer o programa de actividades. Ademáis, creará unha páxina en Facebook, www.facebook.com/nadalamos, e unha conta en Twitter, @Nadalamos, nas que se informará en tempo real sobre as actividades. Tamén se poderá empregar o hastag #nadalamos para conversar en Twitter sobre o Nadal en Santiago.

Neste Nadal, Papá Noel estará na cidade nunha carpa que se instalará na praza Roxa. Os nenos poderán visitalo entre o 19 e o 24 de decembro. Este ano, como novidade, os máis pequenos poderán subirse con Papá Noel en sidecar, os días 22 e 23. Estes paseos serán en diferentes puntos da cidade: praza de Abastos, praza de Cervantes, Área Central, Alameda, cruceiro de San Pedro, Colexiata de Sar, praza de Vigo e Conxo, co obxectivo de achegarse aos nenos e nenas da cidade e dinamizar o tecido comercial.

Tras a visita de Papá Noel, haberá máis actividades para os máis pequenos: obradoiros de chapas, de pintura facial, de decoración de galletas, de globoflexia, que tamén se repartirán por diferentes puntos da cidade: praza Roxa, praza do Toural, rúa do Vilar e Área Central. Tamén se proxectarán películas, con pombiñas gratuítas. Finalmente, o día 5 celebrarase o tradicional desfile dos Reis Magos de Oriente.

Outra das novidades será a celebración do Mercado da Estrela, no CGAC, os días 15 e 16 de decembro, coa que colabora o Concello. O Mercado da Estrela ten como obxecto amosar o traballo dos novos creadores galegos. Artistas, artesáns e novos emprendedores de disciplinas como a ilustración, a moda, os complementos, os cosméticos ou a fotografía ensinarán as súas coleccións para que se poidan converter nos agasallos de Nadal dos composteláns e dos visitantes.

Ademais, a pista de xeo, que está xa aberta na Alameda dende o pasado 5 de decembro, poderá empregarse ata o próximo tres de febreiro. Tamén se poderán visitar os beléns e as ambientacións de Nadal gañadores do concurso municipal, que este ano celebra a súa segunda edición. O prazo de presentación remata o 14 de decembro e os gañadores coñeceranse o próximo 19 de decembro.

Documentos relacionados



Compartir: