FESTAS

Máis alumeado de Nadal a menor prezo

05/12/2012 A Xunta de Goberno Local adxudicou o contrato de iluminación pública de Nadal, que este ano chegará por primeira vez ao rural e tamén a máis rúas da cidade. Está previsto que o alumeado poida acenderse dous ou tres días antes do inicialmente previsto, o 21 de decembro.

O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou en rolda de prensa os detalles deste alumeado, adxudicado á empresa Iluminaciones Umia S.L. por un importe de 43.247 euros (IVE incluído). Resaltou que se trata dun importe un 30% menor ao de licitación (61.548 euros). Ademais, lembrou que este orzamento de licitación era xa un 15 por cento menor ao de 2011 e un 28% inferior ao de 2010.

A empresa adxudicataria, ademais das melloras esixidas no prego de condicións, ofreceu outras, o que permitirá que este ano o alumeado de Nadal chegue a máis puntos do municipio. Así, haberá 72 arcos luminosos a maiores, dos que 21 estarán instalados nas parroquias do rural, como anunciara anteriormente o edil. A isto hai que sumar a iluminación dos troncos das árbores da Alameda, dos troncos das palmeiras da rúa da Senra e de catro glorietas por determinar; dous conos de 20 metros na praza Roxa e na praza de Galicia; un cono na praza da Quintana e o alumeado do Pazo de Raxoi. En canto aos devanditos arcos luminosos suplementarios, a decisión sobre a súa situación decidirase nos vindeiros días, sendo unha prioridade ampliar o número de rúas do Ensanche que terán iluminación, apuntou o Francisco Noya.

Tamén anunciou que se está en conversas coa empresa adxudicataria para adiantar dous ou tres días a data de acendido do alumeado, previsto inicialmente para o 21 de decembro. Dependerá de cando a empresa poida ter instaladas as luminarias, pero o concelleiro cre que, cando menos na cidade, se poderá adiantar esa data.

Francisco Noya aproveitou tamén a rolda de prensa para agradecer a colaboración de dous colectivos da cidade que iluminan as súas rúas. Trátase por un lado de 25 comerciantes e hostaleiros das rúas e prazas da Troia, San Martiño Pinario, San Miguel e Porta da Pena e, por outro, da Asociación Esperta Conxo, que se encargarán de iluminar as rúas de Sánchez Freire e de García Prieto e a avenida de Vilagarcía.

Ambos colectivos teñen o propósito de colocar e acender a iluminación nesta mesma semana. O Concello colabora con esta iniciativa facéndose cargo do subministro e coa iluminación da praza da Merced e da árbore de Costa Vella. O concelleiro estendeu o seu agradecemento aos comerciantes do Mercado de Abastos, espazo que tamén terá iluminación.

Compartir: