ALCALDÍA

As obras nas beirarrúas do Ensanche comezarán despois do Nadal

05/12/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Comercio, Reyes Leis, recibiron o presidente da Fundación Santiago Centro, José María Fernández, e a José Luis Pintos, membro da Fundación. Con eles falou de diversos aspectos que afectan ao comercio do Ensanche compostelán, como a implantación dos novos parquímetros da ORA, as obras en determinadas beirarrúas ou a campaña de Nadal.

Un dos temas da reunión foi a instalación dos novos parquímetros da ORA no Ensanche. O alcalde confirmoulle á Fundación que o sistema de limitación de tempo de estacionamento e de rotación implantado na zona histórica non será aplicado polo momento nesta parte da cidade.

As novas máquinas controladoras permiten extraer datos máis exactos sobre a rotacións de vehículos, os tempos de uso ou o uso dos residentes da zona azul. Será a partir dun estudo destes indicadores cando o Concello tomará a decisión de implantar ou non limitacións de tempo de estacionamento no Ensanche.

Tanto o alcalde como o presidente da Fundación expresaron o clima de "cordialidade e colaboración" existente entre Concello e Santiago Centro. Neste sentido, Ángel Currás reiterou o seu apoio ao pequeno comercio. Así, en relación á campaña de Nadal, falaron de cuestións como a instalación da pista de xeo na Alameda –que hoxe se inaugura-, a cal a Fundación ten a confianza de que sirva tamén para dinamizar comercialmente o Ensanche. No recinto tamén se facilitará a presenza de espazos comerciais.

Tamén en relación ao Nadal, o alcalde confirmoulle á Fundación que as obras de reparación de beirarrúas no Ensanche se deixarán para despois destas datas, para non interferir coa campaña comercial. Cómpre lembrar que se van investir 218.000 euros no acondicionamento de catro rúas do Ensanche. Así, na rúa de Frei Rosendo Salvado remodelarase a canle de recollida de augas situada a carón do bordo da rúa. Na rúa da Rapa da Folla, as obras consistirán na substitución do pavimento deteriorado dunha parte da beirarrúa, recolocando tamén as pezas de pedra do bordo.

O proxecto tamén permitirá a substitución de baldosas na rúa San Pedro de Mezonzo, así como a limpeza e recolocado de pezas de granito. Finalmente, na rúa Alfredo Brañas substituirase o pavimento nos tramos de rúa máis danados. Esta intervención completarase coa reparación de pequenas zonas deterioradas, repoñendo as baldosas deterioradas.

Compartir: