ALCALDÍA

Máis de 100.000 euros para acondicionar o campo da festa de Nemenzo

04/12/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, visitaron a parcela de Nemenzo que vai ser acondicionada para campo da festa. A previsión é que para as próximas festas patronais, en setembro de 2013, o recinto estea listo.

Segundo indicou Ángel Currás, o acondicionamento do campo da festa era unha demanda prioritaria da asociación veciñal de Nemenzo. Agora é posible realizar esta actuación unha vez que o Banco de Terras de Galicia (BANTEGAL) cedeu de balde a parcela, a carón da igrexa.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rexional (AGADER), achegará o 84% do investimento nesta obra, que superará os 100.000 euros. O Concello dispón xa do proxecto de acondicionamento da parcela: unha parte pavimentarase con formigón e a outra con xabre.

O alcalde e o concelleiro aproveitaron a visita para escoitar outras demandas da asociación veciñal de Nemenzo, presidida por Jorge Gigirei. Así, solicitan melloras na sinalización da parroquia e no asfaltado de pistas como a que vai a Chaián ou a que une Vilariño con Nemenzo de Arriba. Ángel Currás apuntou que estas obras quedarán para máis adiante e que se estudará se é posible afrontalas con fondos propios ou coa colaboración da Deputación da Coruña.

Documentos relacionados



Compartir: