TURISMO

Turkish Airlines unirá Santiago con Estambul a partir de maio de 2013

03/12/2012 Turkish Airlines unirá Santiago con Estambul a partir de maio de 2013 con voos os martes, venres e domingo, cun enlace que pretende dar servizo a toda Galicia. Os billetes están xa á venda. Turkish Airlines foi recoñecida como a mellor aerolínea de Europa nos Skytrax World Airline Awards de 2011 e 2012. Actualmente, a compañía voa a 92 países.

O alcalde de Santiago, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, reuníronse o pasado 21 de novembro no Pazo de Raxoi co director xeral da compañía turca en Málaga, Halid Koca. Nesta reunión concretáronse medidas de colaboración entre a compañía e o Concello para potenciar esta conexión.

Estambul é unha cidade con máis de 12 millóns de habitantes e o país ten unha poboación de máis de 70 millóns de habitantes, polo que a conexión permitirá a Santiago acceder a un mercado potencial moi amplo. Pero ademais, a compañía conta cun gran hub no aeroporto de Estambul, dende onde conta con moi boas conexións para mercados turísticos interesantes para a cidade, como Xapón ou Corea do Sur, que agora se achegan un pouco máis grazas á compañía turca.

Compartir: