URBANISMO

Adxudicada a redacción do proxecto de demolición das terrazas e reurbanización do polígono de vivendas de Vista Alegre

03/12/2012 No prazo de dous meses terá que estar redactado o proxecto de demolición de terrazas e reurbanización do polígono de vivendas de Vista Alegre. Así o indicou a concelleira de Urbanismo, María Pardo, unha vez adxudicado o devandito proxecto ás arquitectas Cristina Ezcurra e Cristina Ouzande.

Tal como explicou a concelleira, con esta actuación demolerase a totalidade das terrazas dos 33 bloques de vivendas cos que conta este polígono, o que permitirá unha "humanización" da zona. Esta intervención sumarase así á que se está realizando no marco da Área de Rehabilitación Integral (ARI), que a finais de 2013 permitirá ter xa instalados 11 ascensores.

Este proxecto contempla un conxunto de actuacións, todas elas complementarias ao programa Área Rehabilitación Integral (ARI) que se está a desenvolver na zona. As actuacións a levar a cabo consisten na supresión de barreiras arquitectónicas; reordenación do tráfico; apertura de rúas peonís; canalización de novos servizos (fibra óptica e gas) e a de outros xa existentes (electricidade), que na actualidade son exteriores; reordenación de zonas de estacionamento e soterramento de colectores.

En particular, María Pardo destacou a prioridade que o proxecto dá aos peóns, mesmo restrinxindo o tráfico en rúas como Rianxo, Riveira ou Noia. Eliminaranse os actuais desniveis entre beirarrúas e calzadas, suprimiranse determinadas prazas de estacionamento e desaparecerá o túnel existente. Outro aspecto novidoso serán as luminarias suspendidas por cables de aceiro.

O proxecto foi adxudicado por 70.000 euros. A baixa producida nesta licitación, 80.000 euros, sumarase á partida de 393.725 euros prevista para 2013. A partida de 2014 é de 1.050.000 euros. Non obstante, a concelleira expresou a súa confianza en que esta actuación poida executarse neste mesmo ano 2013.

María Pardo lembrou tamén que se puido abordar a redacción do proxecto unha vez efectuada a cesión do espazo das terrazas, que os veciños de todos os bloques formalizaron por unanimidade. Neste sentido, indicou que a eliminación das terrazas era unha vella reivindicacións dos veciños, pois estas xeraban problemas de accesibilidade e mesmo humidades.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: