CULTURA

Teatro Proscrito presenta "Rosa de dous aromas", de Emilio Carballido

30/11/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou Rosa de dous aromas, de Teatro Proscrito, acompañado das actrices da obra Isabel Blanco e Sabela Hermida. A obra poderase ver o sábado 1 de decembro, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal, dentro do ciclo Teatro&Danza da Concellaría de Cultura.

Rosa de dous aromas é unha das obras máis coñecidas do escritor mexicano Emilio Carballido, morto no ano 2008, despois de 82 anos de vida e unha extensa produción literaria. Esta obra trata de dúas mulleres e os conflitos que xorden entre elas no interior dunha cárcere. A adaptación que presenta Teatro Proscrito é unha visión do teatro como vehículo que achega o ser humano á súa identidade, tal e como expresaba o propio dramaturgo mexicano.

Rosa de dous aromas retrata a realidade do amor mal entendido, a necesidade e a obsesión que ás veces os seres humanos exhiben cando se senten namorados. Pon de manifesto que aínda que a cordura e a razón ditaminen que abandonar a ese home é o que se debe facer, moitas veces o camiño escollido é outro. As xustificacións abundan: os nenos, o medo á soidade, a dependencia económica. Mil e unha escusas para non facer o que se debe facer. Esta é a ruta que transitan Marlén e Gabriela, as nosas protagonistas, aínda que se dará a coñecer a verdadeira intención do destino que uniu a estas mulleres.

Teatro en feminino, cun reparto artístico e técnico de luxo, que permitirá ao espectador adentrarse no complexo mundo dos sentimentos das mulleres.

As entradas, a 10 euros (6 no anfiteatro) poden mercarse na billeteira do propio Teatro así como en Novagaliciabanco. Dentro do ciclo Teatro&Danza teremos despois Gharbo! o día 12 e El Montaplatos, de Animalario, o 19, ademais do programa específico Infantil&Familiar.

Compartir: