EDUCACIÓN

"Obradoiro do tempo", unha maneira distinta de coñecer a cidade

15/05/2006 "Santiago de Compostela: obradoiro do tempo" é o título da iniciativa que, dentro do programa "Vivir Compostela" pretende dar a coñecer aos máis novos os recursos da súa cidade dende unha visión arqueolóxica e pedagóxica. Un total de 833 rapaces participarán nestes percorridos, que se desenvolverán ata o mes de xuño.

O programa consiste nunha visita didáctica a diversos puntos da cidade histórica de Santiago, onde se realizan diferentes obradoiros de simulación arqueolóxica. A duración do percorrido varia segundo a idade dos/as destinatarios/as. Este percorrido didáctico por Compostela nace da necesidade de ofrecer novas alternativas de uso educativo e lúdico da cidade e de achegar a novas visións acerca da vida nela ao longo do tempo.

As cidades ao longo da Historia xeraron civilización, cultura, riqueza, innovación, lugares de intercambio, relación e convivencia. Por iso, o obxectivo principal desta actividade é facilitar unha comprensión axeitada dos valores dunha cidade que é patrimonio da humanidade así como das causas dos seus problemas, favorecendo ao mesmo tempo un cambio de actitude sobre eles. Preténdese fomentar, ademais, un clima de participación cidadá colectiva na procura de solucións comúns.

Xogos didácticos

A iniciativa conta con percorridos diferenciados segundo o grupo de idade ao que se dirixen, con punto de partida na Praza do Obradoiro e remate na Praza de Cervantes. Entre as actividades propostas figuran algunhas tan curiosas como a denominada "Os construtores da Catedral", un xogo educativo baseado nos artesáns, obreiros e construtores da sé compostelá, a través do recoñecemento das marcas de canteiro. Estas marcas, visibles en todo o perímetro arquitectónico, permiten ós rapaces identificar familias e grupos de canteiros e coñecer o seu papel na construción da Catedral. Esta proposta foi deseñada para facilitar un achegamento aos modos de vida na cidade durante a idade media.

Outra das experiencias chámase "Pequenos detectives: muros que falan" e desenvólvese en San Domingos de Bonaval. Este monumento foi deseñado aproveitando os espazos e a construción dun antigo mosteiro cisterciense. Nese obradoiro, introdúcese aos participantes na metodoloxía da arqueoloxía a través do recoñecemento da xénese construtiva dun monumento. Esta actividade está baseada nos principios da estratigrafía arqueolóxica dentro da chamada arqueoloxía da arquitectura.

Tamén chamativa é a actividade "Pequenos detectives: tempus fugit". O conxunto menor da capela da Quinta Angustia, no barrio de San Pedro, é a escusa para ilustrar o medre urbano da antiga cidade dende a época medieval e moderna e coñecer a vida extramuros a través das actividades de ocio. Por iso, no adro da ermida, proponse a realización dunha dobre actividade. Por unha banda, amosar aos participantes as técnicas de representación gráfica empregadas polos arqueólogos para documentar os gravados nas rochas, coa realización por parte dos rapaces do decalques dos taboleiros de xogos existentes na ermida. Posteriormente, amósase aos rapaces as regras de xogo destes taboleiros medievais.

Este programa de percorridos didácticos está organizado polo Departamento de Educación e Mocidade, en colaboración coa empresa de xestión do patrimonio Adgea.

Compartir: