EDUCACIÓN

Elixidos os gañadores do Concurso Literario Ánxel Casal

15/05/2006 A edición 2006 do Concurso Literario Ánxel Casal xa ten gañadores nas súas modalidades de conto, de teatro e de poesía. Os premios entregaranse o venres 2 de xuño nun acto no Auditorio de Galicia.

No apartado de poesía, a gañadora foi Alba Cid Fernández, do IES Xesús Ferro Couselo de Ourense, co título "Delirio de dedos", mentres que o segundo premio recaeu en Iria M. Lorenzo Lestón, do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, co título "O sentimento frustrado do recordo". O xurado tamén quixo facer mención á obra de Andrea Porto Mato, do C. Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, co título "Cinema mudo".

A modalidade de conto tivo como triunfadora a Sara Martínez Martínez, do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, co título "Revolution". O segundo premio foi para María Abellás Sequeiros, do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, co título "Aparente realidade". Tamén neste apartado houbo mención especial, neste caso para a obra de Laura Losada Santamarina, do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, co título "A miña vida trocou no deserto".

Finalmente, o primeiro premio na categoría de teatro recaeu en Noelia Martínez Rey, do Colexio Salesianos Divina Pastora de Lugo, co título "Monólogos con suspiros". O segundo galardón foi para Andrea Porto Mato, do Colexio Manuel Peleteiro, de Santiago de Compostela, co título "Natación para todos".

Esta décimo primeira edición do Concurso Literario Anxel Casal destacou pola calidade dos traballos presentados, que obrigou ó xurado a conceder mencións especiais a algunhas obras á marxe dos dous primeiros premios.

Compartir: