MULLER

Gran lazo violeta de mil flores artesanais contra a violencia de xénero

27/11/2012 O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte, da Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego organizou unha actividade de participación cidadá para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, celebrado o 25 de novembro. Finalmente, o gran lazo violeta previsto formouse na Casa das Asociacións de Benestar Social e non na avenida de Xoán XXIII polas inclemencias meteorolóxicas.

Nesta acción de concienciación e sensibilización participaron todas aquelas entidades sociais presentes na Casa das Asociacións de Benestar Social que se sumaron á formación dun gran lazo violeta composto por máis de 1.000 flores artesanais. Queríase simbolizar así a implicación e a unión da cidadanía en contra desta realidade.

A concelleira María Castelao tamén se sumou a este acto, o último dos programados con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A edil reiterou a importancia da concienciación sobre a necesidade de erradicar a violencia machista e destacou o traballo que o Equipo de Dinamización do Urbana Santiago Norte vén realizando neste ámbito con actividades de participación cidadá como esta.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: